O Concello de Lugo activará este luns un novo Plan de Tráfico na Praza de Santo Domingo para continuar cos traballos de pavimentado no ámbito da Igrexa e o convento, dentro da obra “Corazón Verde entre Murallas”, que se atopa na recta final. Debido a estas intervencións, que requiren o emprego completo da calzada, procederase ao corte do tránsito de vehículos na zona.
As melloras na pavimentación permitirán garantir a durabilidade do espazo e mellorar as condicións da circulación. O plan de tráfico establecido permitirá que os vehículos que saian do aparcadoiro subterráneo, os residentes e os vehículos de servizos teñan como itinerario de entrada e saída o espazo comprendido entre a intersección con Rúa da Raíña e a rúa Armañá, recentemente pavimentado, circulando por diante dos inmobles situados entre os números 20 e 28 da Praza de Santo Domingo. Deste xeito os vehículos transitarán polo espazo previsto no proxecto para este fin.
A Policía Local reforzará a súa presenza nos puntos estratéxicos da nova organización viaria para facilitar o tránsito e garantir o cumprimento das medidas adoptadas. Ademais, lémbrase que só está permitido o acceso ao Centro Histórico a vehículos autorizados, como residentes, usuarios de aparcadoiros, servizos, emerxencias ou aqueles con permiso especial. Esta medida enmárcase dentro da planificación da futura Zona de Baixas Emisións e busca mellorar as condicións de seguridade e confort peonil no casco histórico da cidade.