Inaugurada a mostra de fotografías da volta dos restos de Castelao a Galiza en 1984

O Museo Provincial de Lugo acolle desde hoxe e ata o 30 de marzo a mostra a mostra fotográfica “Castelao. O retorno a Galicia, 1984”, que reúne 52 imaxes tomadas polo fotoxornalista Xan Carballa durante o regreso a Galiza dos restos de Castelao, o 28 de xuño de 1984.
A selección das fotografías reflexa,  segundo explicou Xan Carballa, as múltiples sensibilidades que se concentraron aquela tarde en Compostela e a improvisación coa que se desenvolveu o acto, que confrontou coa cerimoniosidade e as honras coas que volveran do exilio Tarradellas ou Leizaola.

O vicepresidente da Deputación Efrén Castro, a deputada de Cultura Iria Castro e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello de Lugo Cristina López participaron no acto en que Xan Carballa e o comisario da mostra, Xosé Enrique Acuña, detallaron e contextualizaron as fotografías que documentan o acontecido nesa xornada, precedida, segundo lembraron, do debate arredor da oportunidade da volta a Galiza de Castelao polo contexto político no que se producía.

A mostra inaugurada esta tarde, procedente do Museo de Pontevedra, forma parte da programación conmemorativa “75 cabodano de Castelao (1950-2025)” coa que o Museo Provincial de Lugo difunde o legado artístico e político de Castelao no primeiro trimestre deste ano, coa colaboración de diferentes institucións galegas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com