Ambosores

O sábado tocou incursión por As Pontes, terras veciñas que a división provincial se empeñou en arredar e a realidade en xuntar, e aí está a autovía entre As Pontes e Vilalba, e os centos de postos de traballo que As Pontes deparou nas décadas pasadas. Visitamos nas Pontes o magnífico Museo Monte Caxado que José María López Ferro, cronista oficial do concello, conseguiu despois de toda unha vida de pescuda de pezas que son auténticas alfaias da vila creada polo cabaleiro García Rodríguez.

Das Pontes pasamos ao Freixo, parroquia que chegou a ter mil habitantes e agora non vimos nin unha sóa persoa e apenas tres ou catro sinais de vida. E por fin, Ambosores, terra da miña devoción, especial caso de pertenza a dúas provincias – A Coruña e Lugo – e catro concellos, pois anacos da parroquia corresponden a Ourol, Muras, Mañón e As Pontes. Tres coches había na praza da parroquia, un por cada casa habitada.

De Ambosores subimos pola Beira da Fraga (unha casa habitada), Baroso (sinais de vida ao lonxe), camiño da Cereixiña sen dar chegado porque empezou a chover, e queda, xunto coa Ferraxosa, para mellor tempo e ocasión. Paramos tamén por atopar nun cruce da estrada unha monumental quedada de cazadores, con coches con pinta de poder andar polos camiños máis difíciles e remolques con cans de caza. Paradoxas destes tempos: Canto menos xente hai nas aldeas, mellor hábitat resulta para os animais salvaxes, e máis doada a práctica da caza.

Magoa, para quen coñeceu aldeas cheas de vida onde nace e vai medrando o rio Sor, ao sentir na alma tanta soedade e tristura. E tanto eucalipto plantado nas que eran magníficas terras de labor.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com