Veño de asinar nun grupo de wassap a miña conformidade – e o meu entusiasmo – porque Alonso Montero e Rafael Vega sexan fillos adoptivos da cidade de Lugo, xa que se algo hai que lamentar é ter que agardar que Alonso teña cumpridos 96 anos, e que pasaran 88 anos desque Vega Barrera caera abatido por balas infames, partindo da crenza de que todas as balas son infames, por principio.
Que Vega Barrera merece ser fillo de Lugo, cando xa ten unha rúa, un busto, e o recordo dun home bo atrapado nun tempo tétrico, non o discute ninguén, e todos os grupos políticos están de acordo.
Que Alonso Montero é tan lucense como o Arde Lucus, un pouco menos que a Muralla, é dogma de fe. Que no seu tempo lucense, conflitiva etapa social, despertase suspicacias policiais, a correspondencia lle chegase despois de cuidadoso escrutinio, fose fonte de galeguidade e impulsión da escrita, e todos os poetas de Lugo que agora teñen sesenta e tantos lle recoñezan a paternidade poética, é aval abondo para declaralo lucense súbito en caso de urxencia, e lucense egrexio no seu caso.
Certo que son seu amigo, e que o atúo inconscientemente pero con todo o respecto do mundo, doéndome de que non fose o meu mestre vendo como o admiran, reverencian, os antigos alumnos, consagrados poetas, que ven nel a mellor representación da autoridade, santidade laica, encarnación do verbo galego.
Aplaudo á alcaldesa socialista por propoñelo; á presidenta do P.P. por apoialo, e respecto pero non comprendo a postura do Bng. Sei que lles ha de pesar, ou pouco entendo – que entendo pouco – do que acontece nun país que Alonso Montero fixo un pouquiño máis grande.