A Xunta de Galicia organiza un “escape room” para escolares de sexto curso de Educación Primaria de Lugo arredor da figura de Castelao, que se desenvolverá na Biblioteca Pública entre o 10 de marzo e o 21 de abril.
O delegado territorial, Javier Arias, presentou hoxe a iniciativa, que combina xogo e literatura para implicar aos rapaces e rapazas na celebración do Ano Castelao, resolvendo misterios e retos baseados nos seus textos, ilustracións e ideais.
Arias destacou a boa acollida que está a ter a proposta entre os colexios do municipio, con trece centros anotados ata o momento. O prazo de inscrición remata o vindeiro venres, día 28.
“Pescudando en Castelao. O tesouro das cousas” propón un xogo de pistas que cada grupo de alumnos deberá resolver no prazo dunha hora. Os participantes, “detectives literarios”, deberán adentrarse na Biblioteca para descifrar unha serie de enigmas baseados na vida e obra de Castelao. A meta é descubrir unha mensaxe oculta que o autor deixou nos seus escritos e debuxos, e só superando todos os pasos poderán desbloquear a mensaxe final antes de que remate o tempo.
O obxectivo do xogo é transmitir ás novas xeracións a relevancia da obra de Castelao e potenciar o interese pola literatura galega, constatando o seu importante papel na consolidación da identidade cultural de Galicia.