Aprobada a adxudicación do contrato de rehabilitación da cuberta do Pazo

A  Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou hoxe a adxudicación do contrato de rehabilitación da cuberta do Pazo dos Deportes, dividido en dous lotes, un destinado á reparación das cubertas inclinadas, adxudicado a Soluciones Solurban SL, e outro para intervir nas cubertas planas, concedido a Anllar Mantenimientos y Construcciones SL.

As actuacións teñen, nos dous casos, un prazo de execucion de catro meses e suporán, conxuntamente,  a impermeabilización dos 8.500 metros cadrados de superficie da cuberta do Pazo cunha membrana  de poliurea.  Previamente, realizarase unha limpeza, recolocación e selado das chapas e paneis que conforman a envolvente. Tamén se actuará sobre a instalación de evacuación de aguas pluviais impermeabilizando as canles e renovando os entronques coas baixantes. Ademais incrementarase o número de baixantes e de aliviadoiros.

As intervencións suporán a primeira actuación integral no teito da instalación co obxectivo de dar unha solución definitiva ás filtracións localizadas nalgúns puntos das bancadas, especialmente en episodios de chuvia intensa.

Tras a comunicación da adxudicación,  as empresas teñen un prazo de cinco días para presentaren a documentación requerida. A continuación, realízase a tramitación necesaria para a sinatura dos contratos e o inicio das obras.

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ás bases da convocatoria de axudas de concorrencia competitiva para entidades e clubs deportivos,  que conta cun orzamento total de 600.000 euros. Trátase dunha convocatoria anual dirixida a fomentar o deporte e a actividade física a través do apoio á actividade de entidades e clubs deportivos.

Na concesión das axudas, valórase a incidencia social do club (número de licenzas federativas nas diferentes categorías e a súa porcentaxe en relación ao número total de licenzas desa disciplina na provincia de Lugo, así como o número de equipos e a súa representación en competicións de diferentes ámbitos), o rendemento deportivo, o ámbito territorial (primando aos clubs de concellos de menos de 2.000 habitantes), os anos de creación do club ou o persoal co que contan. Prímase, transversalmente, o fomento da práctica deportiva feminina e a inclusión.

Como novidade, nesta anualidade, o importe máximo das axudas ascenderá a 6.000 eu ros, fronte aos 5.000 euros de convocatorias anteriores.

A convocatoria de subvencións publicarase no Boletín Oficial da Provincia nos vindeiros días, abríndose daquela o prazo de solicitude para as entidades interesadas.  As bases e os modelos de solicitude estarán dispoñibles tamén na web da Deputación de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com