O sindicalista Manuel Quiñoá Dacal confirma que se presentará á reelección como secretario xeral do sindicato Comisións Obreiras na Comarca de Lugo. A decisión de concorrer a un segundo mandato, foi comunicada polo propio Quiñoá aos órganos internos do Sindicato, tanto á Comisión Executiva como ao Consello comarcal.
Á espera de si concorren mais candidaturas, que se poden presentar ata o mesmo día do congreso comarcal, Quiñoá xa conseguiu os avais que se precisan para presentarse á reelección.
Tras cumprir o mandato de catro anos, aspira a ser reelixido no Congreso comarcal, que esta organización celebrará o próximo venres 7 de marzo. Deste 13 Congreso do sindicato na Comarca sairá a nova dirección da Unión Comarcal de Comisións Obreiras de Lugo – a secretaría xeral e a comisión executiva – así como os delegados e delegadas que representarán a esta Unión Comarcal no Congreso Nacional que terá lugar en Santiago os días 15 e 16 de maio. Salienta que os procesos congresuais poden parecer longos e complexos, pero constitúen «a máxima expresión de democracia nunha organización aberta e transparente».
Fotografía: Imaxe de arquivo de Manuel Quiñoá Dacal.