Ante a noticia trasladada hoxe aos medios de comunicación polo goberno municipal da suspensión do sistema ORA, a partir do próximo mércores e durante os vindeiros oito meses, dende o grupo municipal Lugonovo amosaron a súa “sorpresa polo sixilo e nocturnidade coa que se comunicou a noticia, exclusivamente ós medios e sen ter en conta ó resto dos grupos da corporación municipal, destacando tamén a oportunidade de dala a coñecer xusto nos días previos á toma de declaracións dos imputados no caso das torres do Garañón”, nomeadamente o anterior alcalde da cidade Xosé Clemente López Orozco e do ex edil e anterior presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro.
Lugonovo considera que a forma de proceder do Concello, e a de “utilizar a xestión municipal de xeito partidista a modo de cortina de fume para tapar as súas vergonzas xudiciáis, priorizando o populismo a unha xestión eficaz dos recursos de tódolos lucenses”.
O seu portavoz, Santiago Fernández Rocha, valora a posibilidade de levar vía urxente ó pleno do vindeiro xoves, una pregunta formal amosando a súa preocupación polo futuro dos traballadores da filial do grupo Vendex.
Pola súa banda, dende o BNG – Asambleas Abertas o anuncio de suspensión do sistema ORA afirman asemade que”é unha cortina de fume ante os graves problemas que ten o PSOE en relación ao proceso do Garañón”. Rubén Arroxo afirmou que “se o novo goberno municipal quere dar un novo enfoque á xestión do tráfico na cidade debería recoller as propostas feitas polo BNG e non reutilizar medidas populistas que xa foron lanzadas anteriormente polo PP”.
“Unha suspensión deste tipo non arranxa absolutamente nada, o BNG.AA aposta por outro modelo de xestión do tráfico na cidade tal e como defendemos alí onde gobernamos e nas propostas que presentamos. Lugo debe camiñar cara un modelo de cidade pensado para as persoas, avanzando na peonalización, potenciando o transporte público e o uso da bicicleta. A xestión do sistema de aparcadoiro non pode ter un fin recaudatorio se non que se deben buscar alternativas para facilitarlles a vida ás persoas”, concluíu Arroxo.