A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este xoves na clausura do curso de verán As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela.
Trátase dun curso estival que pretende pór de relevo a importancia das plantas e fungos medicinais, incidindo nos aspectos que posibilitan que poidan ser contempladas como un recurso no medio rural galego, e especialmente nos espazos protexidos, como as Reservas da Biosfera, contribuíndo así ao desenvolvemento rural sostible nestas zonas.
No acto, a rexedora lembrou que o 55% do territorio da provincia luguesa é Reserva da Biosfera, uns 10.000 quilómetros cadrados, “o que supón un valor engadido para Lugo, pero tamén un gran reto para as adminsitracións, que debemos implicarnos no desenvolvemento sostible”. Neste senso, Lara Méndez lembrou a creación neste mandato da Concellería de Desenvolvemento Sostible, posta en marcha para conseguir “un crecemento da cidade equilibrado, racional e sostible”.
A rexedora avogou ademais por “traballar en prol dun entorno sostible, no que a realidade urbana e rural vivan en harmonía”, posto que contribúe a facer fronte á perda de poboación, ao desenvolvemento da cidade e á creación de emprego.
Por outra banda, a Alcaldesa subliñou o labor que se leva a cabo tanto na Escola Politécnica Superior, como no IBADER e na Estación Científica do Courel, lugares onde se desenvolveu o curso, ao que asistiron durante esta semana medio cento de alumnos.