Infografía del proyecto de fábrica de Altri. Infografía del proyecto de fábrica de Altri.

A Xunta da luz verde á declaración ambiental de Altri

A Xunta de Galicia emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto que Greenfiber quere desenvolver no concello de Palas de Rei condicionada ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como na propia DIA co fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna. A maiores agora estase a traballar na autorización ambiental integrada (AAI) para completar o trámite ambiental.

As conselleiras de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, compareceron hoxe en rolda de prensa para trasladar unha “mensaxe de tranquilidade” sobre o desenvolvemento desta iniciativa empresarial
que xerou controversia e preocupación en parte da cidadanía promovida en moitos casos por intereses partidistas. Neste sentido, trasladaron a vontade da Xunta de actuar “con total transparencia” e velar en todo momento polo cumprimento da lei, polos intereses da cidadanía galega así como garantir a preservación dos valores naturais, culturais, patrimoniais e socioeconómicos da comunidade.

Ángeles Vázquez subliñou que “a declaración de impacto ambiental do proxecto de Greenfiber é o resultado de 34 informes sectoriais -asinados por 42 técnicos- favorables ou favorables condicionados ao seu desenvolvemento en Palas de Rei. Trátase, incidiu, dun
traballo exhaustivo, rigoroso e garante da preservación dos distintos elementos que é preciso protexer no que se inclúen múltiples pautas ao promotor sobre como se debe desenvolver o proxecto para que sexa ambientalmente autorizable e viable”.

Neste sentido, destacou que “a Consellería de Economía e Industria -como órgano substantivo, encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia- pasará a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental -pendente de que se emita a autorización ambiental integrada- e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento desas exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como na propia DIA e no plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto”.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, Lorenzana remarcou que o proxecto, tal e como está actualmente definido, “non ten garantida a infraestrutura de interconexión eléctrica necesaria xa que, polo momento, non foi incluída polo Goberno central na planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica, co cal, se seguísemos na situación actual calquera aprobación ou autorización deste proxecto estaría condicionada á obtención por parte do promotor do permiso de acceso e conexión”, explicou.
“O proxecto non é viable coa situación que ten actualmente a rede de transporte”, subliñou, para sinalar que “está absolutamente en mans do Goberno central, en concreto, do Ministerio de Transición Ecolóxica que tutela a Redeia, a rede de transporte eléctrico nacional, decidir se inviste na subestación que daría interconexión eléctrica ao proxecto ou non”, concluíu.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com