O sindicato Comisións Obreiras ven de denunciar que a Área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo denegou a conciliación a un traballador que solicitou “ata en tres ocasións ao Concello a adaptación da súa xornada laboral por canto ten ao seu cargo a un menor de 12 anos”.
Segundo o sindicato, “o devandito dereito foi denegado polo Concello en todas e cada unha das ocasións alegando necesidades do servizo, non iniciando o preceptivo proceso negociador”.
Ante esta reiterada negativa “o traballador presentou demanda nos Xulgados do Social de Lugo en reclamación do dereito vulnerado”. O tribunal desestimou a demanda argumentando que “tal proceso negociador non foi vulnerado, considerando correcta a decisión do Concello”
Dita sentenza foi recorrida ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pola asesoría xurídica desta central sindical considerando que non se axusta a Dereito.
Dende esta central sindical lamentan que “un traballador dunha Administración Pública como é o Concello de Lugo, teña que acudir aos Xulgados para gozar dun dereito como é o da conciliación da vida laboral e familiar para o coidado e atención do seu fillo menor de idade” e engaden, “é unha vergoña que un concello que se considera progresista negue o dereito á conciliación para o coidado dun fillo. Como administración, debería dar exemplo e liderar con políticas que realmente favorezan o equilibrio entre a vida laboral e familiar. Negar este dereito non só contradí os principios que di defender, senón que tamén perpetúa unha cultura laboral incompatible co benestar dos traballadores e as súas familias. Se desde o público non se garante a conciliación, como se espera que o sector privado o faga?”