O persoal de mantemento da rede do Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH) da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil mobilizaranse para esixir o cumprimento íntegro do convenio do siderometal de Lugo, que lles resulta de aplicación, e especificamente a subida salarial do 2,65% contemplada para o ano 2025, que a empresa pública Tragsa, que ten o servizo en réxime de encomenda de xestión, se nega a aplicar.
A empresa pública Tragsa asumiu o servizo do SAIH Miño-Sil en outubro do ano pasado por un período de 24 meses prorrogábeis por outros 24, por una contía total de 3.257.587,18 € e coa obriga de subrogación do persoal que estaba a prestar este servizo (8 no centro de traballo de Lugo e 6 no centro de traballo de Ourense). A este persoal aplícaselles o convenio do siderometal provincial en cada un dos centros de traballo.
O problema xurdiu en Lugo diante da negativa de Tragsa a asumir o incremento salarial pactado no convenio, que supón una suba do 2,65% para este ano. En Ourense estase a negociar o incremento neste momento, polo que aínda non hai incremento pactado, pero o persoal é consciente de que se vai reproducir a negativa da empresa.
O secretario da CIG-Industria de Lugo, Afonso Losada, denuncia que “Tragsa se pecha en banda alegando o seu carácter de empresa pública”. “As traballadoras e traballadores entenden que isto supón un atropelo e unha vulneración dos seus dereitos e non están en disposición de renunciar ao incremento salarial, dado que todas as empresas que se adxudicaron o servizo viñeron respectando o marcado no convenio”.
Explica que tan só Tragsatec, do mesmo grupo que Tragsa, pretendeu deixar a suba sen aplicar “empregando idénticos argumentos que Tragsa, mais un conflito colectivo diante da xurisdición social deulle a razón ao persoal e tivo que aplicalo; iso si, dous anos mais tarde e asumindo os intereses”.
O persoal non vai consentir que se repita esta situación e avanzan a súa disposición a mobilizarse “para evitar unha nova xudialización e os correspondentes retrasos no cobro ao que teñen dereito e ao que non pensan renunciar”. Por iso, teñen previsto iniciar mobilizacións nos vindeiros días, que irán en aumento até a convocatoria de folga de ser necesario.