A Audiencia de Lugo condena a dous anos de cárcere a un empresario por fraude á Seguridade Social

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a un empresario a dous anos de cárcere por cometer un delito de fraude á Seguridade Social. Ademais, inhabilitouno para o exercicio ou ostentación de cargo de administración e representación de órgano societario algún de carácter mercantil polo mesmo período de tempo e impúxolle unha multa do duplo da cantidade defraudada, así como a perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas e do dereito a gozar dos beneficios ou incentivos fiscais ou da Seguridade Social durante un período de catro anos. En concepto de responsabilidade civil, deberá de indemnizar á Seguridade social con 233.629 euros.

A Sala considera acreditado que o acusado, polo menos desde xaneiro de 2016, “con total desprezo das súas obrigas para co sistema público de Seguridade Social, omitiu o pago por calquera cota que por todos os conceptos recada a Tesourería Xeral da Seguridade Social”. Ademais, os maxistrados relatan que, a medida que se incrementaba a débeda, ante a imposibilidade de seguir actuando no tráfico xurídico cunha das sociedades, o investigado creou outra empresa cun obxecto social moi similar á anterior, figurando como socio único e administrador. A Sala engade que mantivo “a mesma dinámica de falta de pagamento sistemática das cotas devindicadas pola Seguridade Social, sen interesar en ningún momento aprazamento das cotas impagadas”.

“A estratexia fraudulenta está nesa formal sucesión do que sempre foi, de feito e materialmente, a mesma empresa, á que se lle cambiou o nome, que non responde á diversificación de obras na provincia de Lugo e no resto da comunidade galega, pois ningunha proba articularon neste sentido, sucesión que se fai ás costas da Seguridade Social, cunha finalidade defraudatoria”, destaca o tribunal na sentenza, na que salienta que “en ambas as sociedades e á vista da pericial presentada, o capital humano era facilmente traspasable dunha empresa societaria á outra”. Así, incide en que “non se trataba só de coincidencia de traballadores, senón dunha verdadeira estrutura empresarial creada para continuar coa mesma actividade, co mesmo esquema funcional e, moi especialmente, a mesma dirección e titularidade efectiva, e iso con independencia dos sucesivos administradores que se nomearon nunha das empresas, manobra para poder seguir desenvolvendo a mesma actividade mercantil que ata entón realizara sen abonar a débeda que tiña coa Seguridade Social e, de tal modo, ocultando a súa condición de verdadeiro empresario, a fin de salvagardar o seu patrimonio persoal e desvincularse así das débedas que se seguisen xerando”. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com