Activada a prealerta pola seca e reducese ao mínimo o baldeo de rúas e o rego de xardíns en Lugo

O Concello de Lugo activou a instancias da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil  unha situación de prealerta por seca implantou medidas para o aforro de auga co fin de garantir o caudal ecolóxico do río Miño.

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, avanzou que “ o Concello, ante as previsións meteorolóxicas, xa reduciu á metade hai uns 15 días o rego, e agora faino ao mínimo”. O edil destacou que, “aínda que a situación actual  das reservas non pon en risco directo os abastecementos dos principias sistemas, os parámetros ambientais estanse vendo afectados”.

Polo momento, as medidas de aforro establecidas circunscríbense ao aforro   de   subministro en usos e destinos non prioritarios, como o baldeo de rúas e o rego de xardíns e polo tanto non afectan directamente á poboación. Do mesmo xeito, tamén  se reforzarán os controis de auga captada para o abastecemento.

“Estas medidas redundarán nunha maior seguridade do sistema de abastecemento, ao tempo que axudarán a manter as condicións mínimas do ecosistema fluvial do Miño. En todo caso, se a seca persiste habería que aplicar outro tipo de decisións”, subliñou o edil.

Piñeiro, quen invitou a realizar un consumo responsable de auga, explicou que o Concello de Lugo optou por non reducir a presión nocturna da rede urbana, “xa que o sistema de gravidade actual non está adaptado e provocaría problemas  no  subministro”.

As medidas relacionadas co consumo da poboación serán sempre determinadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, lembrou Piñeiro, posto que é o organismo que ten que decretar o grado de alerta para adoptar ditas restricións que afecten á cidadanía.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com