O sindicato CCOO presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo contra a empresa Monbus Urbanos en Lugo, “debido a graves incumprimentos laborais e de seguridade no servizo que presta”.
CCOO sinala que “esta acción chega tras a constatación da Inspección de que a empresa debe máis de 200.000 euros en horas extras e case 100.000 euros en débedas coa Seguridade Social, incluíndo recargas do 20%. Estas cifras evidencian un incumprimento flagrante dos dereitos laborais dos condutores e condutoras, e que, ademais, pon en risco a seguridade dos usuarios e do propio persoal. Pero o que resulta aínda máis grave é a pasividade e falta de acción por parte do responsable político do BNG, que é responsable da subcontrata do servizo de autobuses urbanos en Lugo”.
O sindicato tamén denuncia que “a empresa incumpre o convenio colectivo, que obriga a compensar os festivos traballados con retribución ou descansos, e que a falta destes dereitos impide aos condutores e condutoras gozar dos seus descansos obrigatorios. Isto xera un «risco grave» para a súa saúde e seguridade, e aumenta a probabilidade de erros e accidentes”. Ademais, denúnciase “a ausencia de baños para o persoal, a pesar das solicitudes realizadas en 2024, sen que o BNG tomase ningunha medida para esixir o seu cumprimentoE.
Desde CCOO, esíxese unha resposta inmediata e contundente tanto das autoridades laborais como do BNG, “que debe deixar de mirar cara a outro lado e asumir a súa responsabilidade na protección dos dereitos dos traballadores e na calidade do servizo público”. “A inacción do BNG non só perpetúa unha situación insostible, senón que tamén socava a confianza nas institucións e na xestión pública. A situación require medidas urxentes para garantir condicións dignas e seguras para o persoal, e para que a cidadanía reciba un servizo de calidade”, conclúen.