O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presidiu, xunto á subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, a Xunta Local de Seguridade celebrada esta mañá, para avanzar na integración do Concello de Lugo no sistema VioGén, de protección e seguimento das vítimas de violencia de xénero, mediante a sinatura do protocolo de colaboración entre as policías Local e Nacional. De feito, o acordo rubricado hoxe polo alcalde e o comisario xefe da Policía Nacional en Lugo, Luis Miguel Romera Pérez, remitirase a VioGén, quen autorizará a sinatura entre o alcalde de Lugo, como máximo responsable da Policía Local, e o Secretario de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior.
Tres axentes locais integrarán o equipo ou Unidade de Enlace, previa formación e cun período de traballo nas dependencias da Policía Nacional, para familiarizarse cos procedementos comúns. Neste sentido, o protocolo asinado hoxe establece que a formación realizarase desde unha perspectiva integral, con especial atención á orde penal, coñecemento do ordenamento xurídico que castiga os comportamentos propios da violencia de xénero; formación para o desempeño das funcións de protección das vítimas e formación psicosocial para entender o fenómeno de violencia de xénero. Ademais, ao comezo de aplicación do presente protocolo os funcionarios da Policía Local, durante un prazo de tres días, desprazaranse ata as dependencias da Policía Nacional para poder interiorizar a mecánica de traballo e establecer procedementos comúns na execución das funcións, que permitan unha coordinación práctica futura máis fluída e unha protección uniforme ás vítimas por parte de ambas institucións.
Unha das funcións que desempañarán os tres axentes da Policía Local que se integrarán no VioGén terá que ver coas valoracións da situación de risco das mulleres e dos casos activos. De feito, unha vez realizada a primeira VPR (Valoración Policial de Risco) polo Grupo de UFAM (Unidade de Atención á Familia e á Muller) da Comisaría Provincial de Lugo, ata un 30% dos casos con nivel inicial de risco baixo ou medio serán asignados á Policía Local, sempre ponderando as circunstancias e posibilidades de cada unidade. Os restantes casos que inicialmente presenten risco alto ou extremo serán asignados á Policía Nacional.
Sen embargo, no caso de que unha das vítimas asignadas ao corpo local con risco baixo ou medio, tras realizar unha nova valoración, elevase o risco a nivel alto, seguirase mantendo o seguimento por parte da Policía Local, co fin de non provocar unha segunda vitimización da muller, salvo que en posteriores VPER (Valoración Policial da Evolución do Risco) manteñan o nivel alto; nese caso valorarase, xunto con responsables da Policía Nacional, se é aconsellable o cambio do corpo responsable da súa protección.
Outras funcións da Policía Local dentro do sistema VioGén consistirán en prestar apoio na xestións dos recursos sociais e legais, como poden ser as medidas xudiciais, a denuncia e a elaboración dos atestados; os traslados das vítimas, ou as dilixencias durante a instrucción e o atestado.