José Tomé reelixido Secretario Xeral do PSdeG-PSOE da provincia

O Alcalde de Monforte de Lemos e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi reelixido este domingo como Secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, tras recibir o apoio maioritario da militancia nas eleccións primarias celebradas esta fin de semana. Tomé logrou 801 votos fronte aos 585 obtidos por Iván Castro, Deputado Provincial e voceiro en Paradela. A participación no proceso foi do 75%, cun total de 1394 votos emitidos sobre un censo de 1862 militantes.

Nada máis coñecer os resultados, José Tomé trasladou o seu agradecemento “a todas as compañeiras e compañeiros que decidiron participar con liberdade, ilusión e responsabilidade nun momento importante para a nosa organización, e que elixiron a miña opción”. Asegurou que esta reelección supón “un novo impulso para seguir traballando con forza, con humildade e cun compromiso profundo co noso partido e con todos os lucenses”. Ao tempo, que tamén tivo un agradecemento especial cara o equipo que organizou o proceso.

O líder provincial reafirmou a súa intención de consolidar os gobernos municipais socialistas, recuperar espazos perdidos, gañar novos concellos e seguir mantendo o goberno da Deputación de Lugo. “Gobernamos nas vilas máis grandes, a máis da metade da poboación, como Monforte, Lugo ou Vilalba”, detallou, ao tempo que avanzou que isto contribuirá á construción dun PSdeG en Galicia con José Ramón Gómez Besteiro á cabeza que sexa “ máis forte, e que estou convencido que co apoio da provincia de Lugo que conta dende agora mesmo para que sexamos unha alternativa real nas próximas eleccións autonómicas. O que temos que ter claro é que o noso adversario é o Partido Popular”.  

Subliñou que a súa candidatura representa unha continuidade necesaria, pero tamén “renovación, impulso e apertura a novas ideas. Estes anos demostramos que se pode gobernar desde a estabilidade, con rigor e con vocación de servizo público, e a militancia volve dicir que ese é o camiño”, engadiu.

Tomé tamén tivo palabras de respecto e recoñecemento para o seu compañeiro Iván Castro, agradecendo a súa participación no proceso. Pola súa parte, Iván Castro, felicitou a José Tomé pola súa vitoria e amosouse contento polos resultados obtidos e afirmou sentirse “respaldado polo partido”. “O proceso vai reforzar o partido socialista e a militancia pronunciouse, cremos que vamos saír reforzados e, dende logo, traballaremos no proxecto socialista”.

Con esta reelección, o PSdeG-PSOE da provincia de Lugo inicia unha nova etapa centrada en reforzar o papel das agrupacións locais, ampliar a presenza territorial do partido e seguir sendo útil á sociedade lucense dende o compromiso co público e coa igualdade de oportunidades.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com