Carlos Portomeñe, concelleiro e voceiro da formación ACE, afirmou esta mañá en rolda de prensa, que as dúas iniciativas presentadas polo grupo para o vindeiro pleno municipal non poderán entrar na orde do día xa que “segundo a alcaldesa Lara Méndez e o seu equipo foron presentadas a destempo”.
Portomeñe acusa ao executivo de cumprir ao pé da letra o regulamento “só o que lles interesa”, e puxo como exemplo unha iniciativa presentada pola Concelleira de Cultura, actualmente de vacacións, “que tamén chegou a destempo, si que foi aceptada na orde do día”. Asemade, o voceiro de ACE preguntouse se “non haberá algún interese oculto en que unha das nosas iniciativas non se presente, xa que expón unha “necesaria restrición da colaboración do Concello de Lugo con esta entidade, polo conflito xerado cara ao peche da gardería do Sagrado Corazón. Esperemos que non sexa esa a razón”.
Doutra banda, Alternativa Cidadá de Esquerdas cre que o único paso lóxico a dar trala suspensión temporal da ORA anunciado na mañá de onte pola alcaldesa de Lugo,”debe ser a municipalización deste servizo, pois a mellor forma de garantir a prestación de servizos de calidade dos que os principais beneficiados sexan os cidadáns e non as empresas privadas, é a súa xestión municipal directa”.
ACE amosou a súa preocupación polo futuro dos traballadores e traballadoras da ORA e agarda “que o goberno de Méndez opte pola solución que garanta estritamente os seus dereitos laborais. Neste senso, como xeito de asegurar emprego público digno e de calidade, a municipalización da ORA é tamén a opción máis válida”, sinalou o voceiro de ACE.
“Ademais das dúbidas sobre a situación laboral da plantilla dependente da empresa concesionaria, esta repentina decisión do novo equipo de goberno plantexa preguntas moi importantes: Se o contrato coa empresa concesionaria da ORA foi anulado hai anos nunha sentencia xudicial, por qué se tardou tanto en executar o ditado da xustiza? A quen lle estaban pagando realmente os lucenses durante todo este tempo? Por que se decide precisamente agora paralizar un servizo que ata o momento se consideraba imprescindible?”, concluíu Carlos Portomeñe.