A Deputación adhírese ao acordo para facilitar o desenvolvemento da Lei de Transparencia

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, fixo pública a proposta aprobada esta mañá “pola que a administración provincial mellora a transparencia e facilita a participación cidadá nos asuntos públicos desta institución”.

A Deputación de Lugo adhírese ao acordo marco de colaboración entre o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e a FEMP para facilitar o desenvolvemento da Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno.

Esta medida tomada polo novo goberno provincial permite que a administración provincial se integre no Portal de Transparencia, unha ferramenta que propiciará máis facilidades á hora de acceder á labor dos representantes públicos e permitirá a inclusión de contidos, as tramitacións necesarias e cumprir coas obrigas de publicidade e coas relativas aos dereitos de acceso á información.

A presidenta da Deputación explicou que “tomamos unha decisión que vai tamén na liña do que demandabamos dende a oposición, unha maior transparencia. Esta adhesión facilitará ó acceso á labor dos representantes públicos e dos xestores”. Deste xeito, a Deputación recibirá de maneira gratuíta a infraestrutura física, lóxica e de comunicación do seu Portal de Transparencia.

Nesta liña, a presidenta da Deputación de Lugo mantivo tamén onte unha reunión cos voceiros do PSOE e do BNG para informalos e entregarlles en man as propostas que o equipo de goberno levará ao pleno do próximo martes. “Ata agora a aposición tiña as iniciativas plenarias a última hora do xoves ou incluso o venres e a partir de agora facilitaremos antes esta información e manteremos unha reunión para dar conta destes asuntos. É unha mostra de transparencia interna”, asegura a presidenta.

A Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación do contrato para a explotación da área recreativa de Portomarín, propiedade da Deputación de Lugo e por un período de catro anos. A proposta adxudicataria leva implícita unha campaña de promoción turística“que nos parece moi interesante para dar a coñecer as actividades que se desenvolverán nesta área, como son un campionato e xornadas de pesca, promoción dunha asociación vinculada ao río Miño…, e que poñen en valor un entorno destacable desde o punto de vista medioambiental pero que queremos que tamén o sexa no eido turístico”.

A Deputación de Lugo tamén aprobou hoxe as addendas a varios convenios, aprobados cos concellos e dirixidas á ampliación dos prazos para a execución e a xustificación de distintas obras. Elena Candia asegura que “ningún municipio perderá as súas axudas por incumprir os prazos establecidos. A nosa liña de traballo e coa que cumpriremos escrupulosamente é a de colaborar e facilitar os trámites aos municipios”.

A Xunta de Goberno tamén aprobou a modificación do texto do convenio de cooperación a subscribir entre a Deputación e o Concello de Baralla para a execución do proxecto de reforma da casa consistorial do municipio, e para esta finalidade a Deputación de Lugo achegará un importe de 40.000 euros.

Por último, este órgano tamén aprobou hoxe o prego de cláusulas administrativas particulares que rexerán no procedemento de alleamento do vehículo audi A8, “que empregaba o anterior presidente provincial e que este goberno decidiu non utilizar. Queremos deixar claro que isto non leva implícito a compra doutro coche, xa que son suficientes os existentes no Parque Móbil”.

A presidenta da institución explicou que o procedemento de alleamento e adxudicación consistirá en primeira orde a través da celebración dunha poxa a man alzada e, en segunda orde, admitiranse ofertas en sobre pechado. A convocatoria da referida poxa publicarase no Boletín Oficial da Provincial.

O vehículo adxudicarase a favor de quen presente a oferta máis vantaxosa sobre o prezo mínimo de valoración establecido en 25.500 euros. A oferta económica poderá consistir no caso da poxa en man alzada, unicamente en diñeiro metálico; e para a poxa en sobre pechado, tanto en diñeiro metálico, como en permuta doutro vehículo, coa característica de ser Km0 ou novo e como mínimo ter catro prazas, aportando, ademais da descrición, a valoración técnica e económica ou a combinación de ambas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com