Deputación e Confederación Hidrográfica investirán dous millóns en espazos fluviais

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, xunto ao presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, acordaron esta mañá iniciar os trámites de redacción dun protocolo de colaboración entre os dous entes e que implicará un investimento de dous millóns de euros na posta en valor de espazos fluviais da provincia.

A presidenta da Deputación explicou que cada administración asumirá o 50% do total dun investimento que se dirixirá a actuacións na área de referencia da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, para a realización de obras tales como construcións de paseos fluviais, adecuación de sendas ou áreas recreativas, entre outras. “Pequenas actuacións demandadas polos concellos e que repercutirán na mellor saúde dos nosos ríos e na mellora da calidade de vida dos nosos veciños”, asegurou Candia.

A responsable da institución informou de que as actuacións decidiranse en coordinación cos concellos “aos que escoitaremos xa que non nos podemos esquecer do principio de autonomía local e da participación que se ten que dar entre esta institución e os municipios”, polo que, engadiu, “aproveitaremos cada decisión para demostrar que a Deputación é unha casa de todos os concellos da provincia de Lugo”.

En canto aos prazos establecidos, Elena Candia dixo que hoxe se deu orde de iniciar a redacción do protocolo de colaboración entre a Deputación e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que posteriormente se materializará na firma dun convenio, e prevese que no último trimestre de 2015 “estean redactados cada un dos proxectos que se desenvolverán nos municipios con cargo a este protocolo. Os destinatarios últimos son os municipios e empezaremos xa a recibir propostas”.

A presidenta da institución provincial explicou que esta é unha nova mostra da clara colaboración e do bo entendemento entre administracións, ao tempo que quixo agradecer “a boa disposición do presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para “sacar adiante este proxecto, que lle trasladamos dende a institución”.

Candia engadiu que “a dinamización dos pequenos concellos pasa pola posta en valor do entorno e dos recursos dos nosos ríos” e fixo fincapé na necesidade de promover iniciativas dinamizadoras do turismo e de cumprir coas obrigas medioambientais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com