O Concello de Lugo recibiu 612 solicitudes para as axudas de adquisición de material escolar de educación infantil para o curso 2015-2016. Trátase dunhas bolsas escolares que teñen por obxecto a concesión de subvencións a familias con escasos recursos para a adquisición de libros de texto e material educativo para o segundo ciclo de infantil (3 a 5 anos) e para alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos.
A entidade local destina 36.000 euros para axudar ás familias con menos recursos a comprar material escolar. Estas axudas municipais consisten nun vale desconto por un importe de 80 euros con destino á compra de libros ou material escolar. Para acceder ás axudas o único criterio é a renda familiar e é necesario que o alumno estea censado en Lugo.
As listas provisionais das axudas para material escolar sairán publicadas en setembro e haberá un prazo de 10 días naturais para alegacións. Os interesados poderán consultar a lista no taboleiro de edictos das oficinas municipais, na 3ª pranta do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra e a través do teléfono de atención cidadán 010.