O Partido Popular deberá negociar as mocións das propostas que leve aos plenos da Deputación Provincial

Esta mañá tivo lugar o pleno da Deputación Provincial de Lugo, no que se debateron diferentes mocións achegadas polos tres grupos presentes na corporación, Partido Popular, PSOE e BNG, e puidose constatar a necesidade que os populares teñen de pactar previamente as mocións para poder aprobalas, xa que unha delas non saíu adiante por mor da situación de minoría na que se atopa. É dicir, que os populares ou renuncian a presentar as súas iniciativas ou deberán negociar cun dos grupos presentes no pleno: socialistas ou Bng ou cos dous,  se quere que as súas propostas saian aprobadas,  sempre, claro está, que a oposición siga votando conxuntamente, como o fixo esta mañá.

Comezou o pleno coa exposición por parte dos populares da moción que pedía a modificación da ordenanza xeral de Xestión e Recadación dos ingresos de dereito público municipal, xestión que se delegou ao ente provincial no ano 1988. Os populares pedían, entre outras medidas, ampliar os prazos de pago e o límite ate o cal están exentos os obrigados tributarios de achegar garantías nas solicitudes de aprazamento. Finalmente a moción non puido saír adiante debido aos votos en contra do BNG e PSOE, que pedían unha moción máis completa e argumentada.

Doutra banda, aprobouse por unanimidade, aínda que con unha emenda conxunta do PSOE e o BNG, a moción do PP que pedía abrir unha comisión de investigación no abeiro do plan de emprego do anterior goberno provincial, ‘Pacto Provincial polo emprego’, debido ás denuncias de monitores e alumnado dos cursos de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio e adxudicados á empresa Norprevención.

Segundo os populares, os monitores trasladaron queixas sobre cargos indebidos nas súas contas e o pago incorrecto das súas nóminas. “Todo parece indicar que a presentación de tales denuncias motivaron varios despedimentos”, sinalou o voceiro popular, Juan Carlos Armesto Quiroga.

Tamén se aprobou por unanimidade a moción do BNG que esixe medidas contundentes ante a situación que vive o sector gandeiro na provincia. Parecida foi a proposta socialista, que esixía a posta en marcha de medidas con carácter urxente para garantir a supervivencia do sector. Foi aprobada cos votos a favor de PSOE e BNG, e coa abstención dos populares.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com