Candia e Teijeiro reúnense con máis de 80 entidades sociais da provincia

A Deputación Provincial de Lugo anunciou esta mañá por voz da presidenta, Elena Candia, que “favorecerá o acceso e a participación dos colectivos sociais nas axudas públicas. Candia, explicou que “ata agora o proceso de concesión empregado polo anterior goberno limitaba a posibilidade de acceso a estas axudas e nós o que propoñemos é maior transparencia e igualdade de oportunidades”.

Con esta finalidade, a presidenta da Deputación e a deputada delegada de Benestar, Igualdade e Mocidade, Mari Teijeiro, mantiveron esta mañá unha reunión con máis de 80 entidades sociais no salón de plenos da institución. Dende o organismo provincial fíxose unha convocatoria pública a todos os colectivos sociais da provincia para coñecer as necesidades do terceiro sector e solicitar a súa colaboración á hora de elaborar mecanismos de resposta e liñas de axuda.

Candia lembra a opacidade do anterior goberno no reparto de axudas aos colectivos sociais. Ata agora a Deputación de Lugo só concedía subvencións a estas entidades a través do procedemento directo (excepcional ou nominativo), pero non existía unha liña de axudas por concorrencia competitiva, cando a normativa de subvencións recolle que este último debe ser o procedemento ordinario.

Dende o organismo provincial consideran que a utilización única e exclusivamente da fórmula da concesión directa de subvencións empregada ata agora non está a favorecer a participación e o acceso as axudas públicas en igualdade de oportunidades a todos os colectivos.

“Deste xeito, o novo goberno provincial sacará adiante un mecanismo máis transparente e máis xusto, que permita a participación de todos os colectivos en igualdade de condicións, xa que ata agora son poucas as entidades que coñecen o procedemento que está a seguir a Deputación para acceder a elas”, asegura Candia.”Polo tanto, na reunión de hoxe dende a Deputación de Lugo quixeron coñecer as necesidades das asociacións e as súas propostas de criterios de valoración, coa idea de buscar un mecanismo de colaboración que contemple liñas de axuda que cubran as súas necesidades máis comúns e latentes; que todos os colectivos coñezan a existencia desas liñas; e que exista unha maior transparencia na concesión das mesas e un maior rigor para poder acceder a elas”.

Candia enumerou unha serie de necesidades básicas que de xeito xeneralizado trasladou aos colectivos na reunión de hoxe. A presidenta provincial fixo referencia á necesidade de poñer en marcha unha liña de axudas para cubrir gastos de mantemento dos servizos (alugueiro do local, gastos correntes, recursos humanos e de material de traballo); así como o reforzo no apoio para a inserción laboral e acceso á formación de diferentes colectivos ou a dificultade que atopan outros para cubrir gastos de desprazamento.

En canto aos criterios a ter en conta na valoración para a concesión das axudas, os colectivos sociais citaron, entre outros, a experiencia da entidade na atención desas necesidades; a especial vulnerabilidade dos colectivos obxecto de atención (dobre ou triplo marxinación); o número de beneficiarios, os proxectos dirixidos á creación ou xeración de emprego ou que sexan proxectos que atendan necesidades descubertas.

A deputada delegada de Benestar, Igualdade e Mocidade, Mari Teijeiro, explicou que a reunión de hoxe “tratouse dunha primeira toma de contacto coas asociacións, para coñecer as súas necesidades e estudar mecanismos de axuda para darlles resposta”.  Unha vez estudadas as necesidades presentadas polos distintos colectivos e dispoñendo, a maiores, dos criterios de valoración achegados polas entidades sociais na reunión de hoxe; a Área de Benestar, Igualdade e Mocidade, apoiándose nos técnicos da Deputación, elaborará un borrador de criterios e de liñas de axudas de xeito que “se adecúen ás necesidades manifestadas hoxe, dando prioridade ás que se compartan en maior grao”, explicou Mari Teijeiro.

Posteriormente, este borrador enviarase aos colectivos e estará aberto a propostas emendas e engádegas. Por último, celebrarase de novo unha segunda reunión para dar a máxima publicidade a esta liña de axudas. Teijeiro concluíu ao asegurar que para ter unha planificación real de traballo por parte das asociacións “é preciso que estas coñezan as subvencións ás que poden acceder”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com