Alternativa Cidadá de Esquerdas levará ao pleno de mañá a moción, presentada pola vía de urxencia, na que propón o cese das operacións do Concello de Lugo con Abanca se finalmente culmina o anunciado peche da escola infantil do barrio do Sagrado Corazón, dependente da obra social desta entidade financeira.
ACE decidiu plantexar esta medida de presión ante o que considera “a pasividade á hora de protexer á clase traballadora do novo goberno local, que se está a limitar a solicitar á Xunta de Galicia a que cubra as prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos que se perderán, deixando de lado a súa obriga de exercer presión sobre a entidade para evitar un peche que suporá a destrución de postos de traballo en plena época de crise económica”.
“Se ben a responsabilidade directa de cubrir as necesarias prazas de infantil correspóndelle á Xunta de Galicia, institución que detivo as competencias na materia, o Concello de Lugo non pode actuar con resignación cando dispón de instrumentos de presión para evitar que Abanca destrúa emprego, elimine prazas de gardería nunha cidade con carencia delas e faga desaparecer unha dotación esencial das poucas que dinamizan o propio barrio do Sagrado Corazón”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE.
No mesmo senso, Portomeñe salientou o importante rol que esta gardería e o seu persoal cumpren na cidade dende hai anos, por ser “un centro de referencia en canto ao seu funcionamento, as súas instalacións e a profesionalidade das persoas que prestan os servizos. Foi pioneira na nosa cidade e converteuse en imprescindible para a conciliación da vida familiar e laboral das familias lucenses, para o proceso de aprendizaxe de nenos e nenas e para a dinamización do propio barrio. Lugo non se pode permitir o seu peche baixo ningún concepto”.
Alternativa Cidadá de Esquerdas considera inxustificable esta decisión de Abanca “cando no momento en que o grupo venezolano Banesco adquiriu Novagalicia Banco a prezo de saldo (só 1.030 millóns de € tralo rescate público de 9.500 millóns de €, incluíndo o patrimonio artístico e inmobiliario), asumira o compromiso de manter os servizos da obra social, co agravante de que xa o ano pasado obtivo 1.157 millóns de € de beneficios despois de impostos”.
“En 2013, cando o que quedaba das caixas galegas foi vendido á compañía venezolana, Esquerda Unida xa advertira ao Concello de Lugo do serio risco de desaparición que corría a Obra Social da entidade, e propuxera unha moción para asumir a xestión municipal das instalacións e servizos dependentes da mesma en Lugo, como a devandita gardería, o Centro de Maiores do Carril do Mercado ou o Centro Sociocultural da Praza de Santa María, para garantir a súa supervivencia. Agora vemos como efectivamente a entidade tardou pouco en incumprir o compromiso adquirido, alegando motivos de racionalidade económica e déficit cero para pechar unha escola infantil como se fose un simple produto financeiro”, concluíu Portomeñe.