Unha persoa resultou ferida de gravidade esta mañá tras caer por un terraplén co vehículo que conducía cando circulaba pola N-642, no punto quilométrico 32.700, á altura do Concello de Foz.
Así o relataron os axentes de Tráfico que se desprazaron ao lugar dos feitos tras ser alertados polo CAE 112 Galicia. Foi un particular quen chamou ao 112 Galicia para pedir axuda, pasadas as 12:00 horas de hoxe indicando que podía haber persoas atrapadas no interior do vehículo. Por iso, de inmediato, se alertou aos Bombeiros de Barreiros que unha vez no lugar, comprobaron que os catro ocupantes do vehículo estaban fora, aínda que polo impacto o coche, que quedou totalmente desfeito, fumeaba.
Dende o 112 Galicia tamén se solicitou a colaboración dos efectivos do GES de Cervo e de Protección Civil de Foz, e informouse ao persoal do servizo de mantemento da vía. A unha da tarde, os servizos de emerxencia continuaban no lugar do sinistro.