Núñez Feijóo visita Mondoñedo con motivo da declaración de Ben Mundial do Camiño Norte

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe en Mondoñedo, a posta en marcha dunha folla de ruta con diversas actuacións e co Xacobeo 2021 como meta redundará na dinamización económica dos concellos do Camiño e no benestar dos viaxeiros.

Alberto Núñez Feijóo, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e da directora xeral para o Turismo, Nava Castro, fixo un tramo do percorrido dentro do Camiño Primitivo, dende a ponte do Pasatempo ata a praza da Catedral.

Durante o acto conmemorativo da declaración como Patrimonio Mundial da Unesco dos Camiños do Norte, Feijóo referiuse ás iniciativas que se levarán a cabo no eido do aloxamento, “co obxectivo de incrementar a oferta de albergues, destacando a construción dun albergue no casco histórico da Fonsagrada; e no eido dos servizos, coa dotación de redes wifi para os peregrinos, así como a recuperación de fontes de auga e o reforzamento do plan de asistencia sanitaria”.

No tocante á promoción, o responsable autonómico lembrou a declaración de 2016 como Ano do Camiño do Norte e Primitivo, e incidiu na importancia da coordinación, non só cos actores institucionais senón tamén coas asociacións.

“Estamos tamén a educar os máis novos sobre a importancia de preservar o noso patrimonio, a través do programa Patrimonio no Camiño e estamos en disposición de presentar o Plan director dos camiños este mesmo 2015, que estuda quilómetro a quilómetro as necesidades do conxunto dos camiños como a sinalización ou o patrimonio a detallar. A futura Lei do patrimonio cultural de Galicia dará cobertura a todos eses esforzos, ao establecer o marco normativo que garanta a conservación e a correcta xestión patrimonial dos Camiños”.

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou tamén as actuacións destinadas á reparación das cubertas e á restauración da Portada Oeste e das vidreiras da catedral de Mondoñedo e, logo de recordar que a pasada fin de semana chegaron a Compostela máis de 5.000 peregrinos, concluíu referíndose ao recoñecemento da Unesco ao Camiño do Norte e ao Camiño Primitivo como “un gran orgullo e unha grande responsabilidade”. Os Camiños pasan por dúas das catro provincias –Lugo e A Coruña-, percorren 25 concellos galegos e abranguen cinco comunidades autónomas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com