Sae adiante a proposta popular para crear unha comisión de investigación sobre o Garañón

Esta mañá tivo lugar o pleno municipal no Concello de Lugo, onde entre outros acordos aprobouse a moción presentada polos populares para crear unha comisión de investigación que esclareza o acontecido no chamado caso Garañón. Os grupos minoritarios do goberno municipal, Lugonovo, ACE, Ciudadanos e BNG, aínda que criticaron duramente tanto ao PP como ao PSOE polo que cualificaron como “circo político”, e “lavado de cara populista”, se abstiveron na votación, polo que a pesares dos votos en contra do PSOE (8), a moción levouse adiante cos votos en solitario dos populares (9).

O voceiro do Partido Popular, Jaime Castiñeira, explicou que a idea é a de crear “unha comisión aberta á posibilidade do análise dunha asesoría externa. Se esperamos como piden os socialistas a que haxa unha sentenza firme do TSXG, xa pouco poderá facerse”.

ACE e máis Lugonovo esixían para aprobar esta iniciativa, que o PP aceptase unha emenda que recollía a solicitude a maiores dun informe global que estudara o período comprendido dende a aprobación do PXOM do 91 ate o momento actual, emenda que foi rexeitada polo grupo popular.

Destacou a intervención do voceiro de ACE, Carlos Portomeñe, que na liña dos demais grupos políticos describiu ás torres do Garañón como “o grande paradigma da corrupción nesta cidade, co beneplácito do PP que aprobou no ano 91 un PXOM que permitía a edificabilidade da parcela das torres en cuestión”. Tamén Olga Louzao, voceira de Cidadanos Lugo, explicou que mentres non se aclararan os puntos concretos que conlevaría esta comisión de investigación, non votarían a favor.

Doutra banda, aprobáronse as tres iniciativas presentadas polo PSOE, BNG e Lugonovo, esixindo medidas firmes e contundentes dende o goberno autonómico e estatal, para frear a crise que se está a vivir no sector leiteiro polo baixo prezo ao que paga a industria do sector o litro de leite aos gandeiros. Sen embargo, foi a moción defendida polo BNG  a única que recibiu o apoio unánime da corporación.

Tamén foi aprobada por unanimidade a iniciativa presentada polo BNG-Asambleas Abertas na que se propón a posta en marcha de dun plan para a protección, promoción e coidado do camiño primitivo ao seu paso polo concello de Lugo. Os nacionalistas, ademais, pediron que se avance na peonalización de diferentes tramos como é o caso da Calzada da Ponte.

Por último, o Partido Popular non se sumou ao consenso acadado polos demais grupos municipais en torno a unha proposta socialista a favor do mantemento da gardería do Sagrado Corazón, que Abanca quere pechar. O cerre da escola infantil suporía “unha perda irreparable para o barrio. Non queremos que lle pase coma outros, como o da Residencia que, tras a supresión de dotacións, esmorece”, subliñou o edil de Concello e Cidadanía, Juan Carlos González Santín, de quen depende a área de educación.

Deste xeito, a instancias do grupo municipal socialista, o Pleno, coa abstención do Partido Popular, aprobou instar á Consellería de Traballo e Benestar a poñer con carácter urxente os medios oportunos para manter aberta a gardería do Sagrado Corazón e a crear novos centros públicos de Educación Infantil para atender de xeito efectivo a demanda.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com