ACE considera susceptibles de especulación catro das seis licenzas outorgadas nas Gándaras

Carlos Portomeñe, concelleiro de ACE, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para explicar a decisión da súa formación de votar en contra en catro dos seis casos das “Declaracións de especial interese ou utilidade municipal” para naves que se construirán no Polígono de As Gándaras.

Segundo explicou Portomeñe, “dita categoría de especial interese supón a bonificación do 50% nas taxas por concorrer circunstancias favorecedoras do emprego, requisito que non se cumpren no caso de catro das naves sometidas a votación, porque no seu expediente de solicitude non especifican un uso definido para as mesmas e indican que prevén xerar só tres postos de traballo cada unha”.

Para ACE, “outorgar licencias e exencións fiscais para a construcción de edificios sen uso definido é un xeito de permitir a especulación urbanística e non un xeito de favorecer a creación de emprego, pois é imposible saber que postos de traballo se necesitarán cubrir se non se coñece a actividade a desenvolver”.

“As catro solicitudes en cuestión presentan idéntico proxecto, pertencendo a dúas empresas diferentes (Construcciones Sanle e Iniciativas Roixal), mesmo autor, exactamente o mesmo orzamento e incluso iguais taxas a pagar. Ademais, todas dispoñen a mesma previsión e distribución de persoal: un administrativo e dous postos de ventas, a pesar de que a actividade económica é descoñecida.

Para Carlos Portomeñe, voceiro de ACE, “os catro proxectos presentan coincidencias do tipo que se atopan cando se copia nun exame, e as casualidades chegan ao punto de que as licencias urbanísticas para as catro naves foron concedidas na mesma Xunta de Goberno Local, o día 3 de xuño de 2015, e construiranse todas en parcelas contiguas. Por compartir, ata os dous solicitantes comparten celebridade na prensa. Non afirmamos que a finalidade das naves sexa especulativa, pero hai motivos suficientes para amosar preocupación polo risco de especulación”.

Alternativa Cidadá de Esquerdas defende as bonificacións para o fomento do emprego, “pero tendo en conta a progresividade fiscal por nivel de renda e ofrecendo garantías reais de que se xerarán novos postos de traballo, pois existe a posibilidade de que haxa empresas que se beneficien de excensións fiscais simplemente por trasladar o seu centro de traballo dun polígono a outro, sen que supoña a contratación de novos traballadores”.

Non é o mesmo a excensión do 50% para un negocio coa facturación de 1 millón de euros que para outro que factura 40. Nós levamos no programa bonificacións nos trámites e licencias de apertura de establecementos comerciais ós autónomos que abran un primeiro negocio, por exemplo. Hai que diferenciar entre axudar aos novos emprendedores e conceder privilexios fiscais a empresas consolidadas”, explica Portomeñe.

“O coste do Polígono de As Gándaras ascendeu a 40 millóns de euros e estivo cinco anos sen conseguir vender parcelas. Cando o pasado 4 de marzo de 2015 se puxeron á venda cun prezo reducido do 50%, en tres días vendéronse 25 parcelas a empresarios lucenses. Nese momento o Concello amosou o seu temor á especulación, sen embargo, en 2012 o propio Concello establecera a posibilidade de aprobar licencias para “a construción dunha nave sen uso definido”, concluíu.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com