Ribadeo acolle este venres a presentación do libro sobre o xacemento de Louselas

O próximo venres, 7 de agosto, ás 20:30 horas na librería Casa das Letras de Ribadeo, terá lugar a presentación do libro Louselas (Ribadeo, Lugo). Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica, de Eduardo Ramil Rego e Jose Ramil Soneira.

A presentación do libro é unha actividade organizada por Mariña Patrimonio, Casa das Letras, A. C. Francisco Lanza e Asociación de Veciños O Tesón Eduardo Ramil Rego.

Os datos que temos sobre os inicios da poboación humana na rexión cantábrica son escasos, a pesar dos moitos vestixios atopados en diferentes depósitos. A maioría dos estudos coñecidos son parciais e pouco exhaustivos. Esta publicación é un fito na investigación, é a primeira vez que se presenta en Galicia unha monografía científica sobre un xacemento do Paleolítico Inferior.

O xacemento de Louselas (Ribadeo) está situado preto da desembocadura do río Eo, nel recuperouse o maior número de ferramentas achelenses da rexión Cantábrica, atribuída a unha fase pouco evoluída, con escasa representación na Península Ibérica, e que permite propoñer unha antigüidade de 450.000 anos para o xacemento. Os homínidos que se estableceron en Louselas corresponderían á especie Homo Heidelbergensis, portadores da cultura Achelense.

Eduardo Ramil Rego é licenciado con grao en Xeografía e Historia, especialidade en Prehistoria e Arqueoloxía, Diploma de Estudos Avanzados en Arqueoloxía e Historia da Antigüidade, e Doutor en Historia (Prehistoria) pola Universidade de Santiago de Compostela; Máster en Museoloxia e Museos pola Universidade de Alcalá de Henares.

Director do Museo de Pehistoria e Arqueoloxía de Vilalba; director de Férvedes. Revista de investigación, e membro, entre outros, da Société Préhistorique Française, da Asociación Española de Museólogos do ICMAH (Comité Internacional para museos y colecciones de arqueología e historia) e do ICOM (Internacional Council of Museums).

A súa liña principal de investigación céntrase na prehistoria antiga do noroeste da península Ibérica, e máis concretamente na caracterización tecno-cultural dos últimos cazadores-recolectores. Ten traballado noutros temas que van dende o megalítico ata a época romana, a través do fenómeno da Idade do Ferro, sen esquecer cuestións museolóxicas y museográficas.

Dirixiu máis dun centenar de proxectos arqueolóxicos e outras actuacións de documentación e posta en valor de elementos patrimoniais. É o autor ou coautor de quince libros e numerosos artigos en revistas científicas, nacionais e estranxeiras, así como de varios capítulos de libros e monografías científicas.

Participou en varias conferencias a nivel nacional e internacional, formando parte en varios dos seus comités executivos ou científicos. Tamén ten comisariado exposicións temporais de tipo divulgativo e ofrecido conferencias sobre varios aspectos da Prehistoria e Historia de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com