O goberno provincial cubrirá as prazas vacantes do Ben Empregado I

O deputado delegado de Emprego e Demografía, José Antonio García, avanzou hoxe que na Xunta de Goberno de mañá venres, se aprobará a proposta cos beneficiarios que ocuparán os postos de traballo que quedaron vacantes dentro da primeira edición do programa Ben Empregado.

Nomeadamente cubriranse dez perfís desertos a raíz de que os traballadores seleccionados no seu momento renunciaran ao posto, causaran baixa voluntaria derivada por motivos diversos ou non superaran o período de proba coa empresa.

José Antonio García explica que, seguindo o procedemento establecido nas bases, seleccionáronse dez novos traballadores entre os inscritos como demandantes de emprego nas oficinas das localidades ás que correspondían as empresas beneficiarias.

Os pasos acordados a seguir foron os seguintes: primeiro volvíase a convocar aos solicitantes nunha segunda rolda de entrevistas, de quedar algún posto deserto acudíase ao perfil que semellaba máis próximo e, por último, solicitábase o perfil desexado á oficina de emprego.

“O procedemento e o desenvolvemento do plan dáse con toda normalidade” e actualmente, dentro do Ben Empregado I estanse a realizar os pagos aos beneficiarios, segundo remarca García. “Nalgúns dos bloques xa hai feitos ingresos, noutros pasaron polo departamento de actas para ir a intervención prevéndose posibles pagos para a próxima semana, mentres que noutros casos os informes serán presentados segundo as empresas acheguen a documentación pertinente”, explica o deputado.

Pola súa banda, no Ben Empregado II “atopámonos no período de emendar tras os requirimentos xa feitos a un amplo porcentaxe das persoas que optanaos 307 perfís resultantes” e, de xeito orientativo, “prevemos publicar a finais de mes a listaxe definitiva de traballadores admitidos e excluídos tras estudar as 1.475 solicitudes que nos chegaron”.

A maiores, trala toma de posesión dos doce traballadores que se encargan da xestión da segunda fase do Ben Empregado II, José Antonio García engade que “atopámonos elaborando fichas para as entrevistas co obxecto de analizar as demandas de emprego existentes na provincia por sectores, actualizando as bases de datos das empresas beneficiarias e das candidaturas presentadas, proxectando unha guía de servizos para as entidades e uns protocolos de actuación destinados a incrementar a competitividade das empresas coa idea de que se poda prorrogar o tempo de contratación ou incluso atinxir contratacións indefinidas trala finalización do período subvencionable; e tamén nos centraremos no asesoramento e control da situación dos traballadores seleccionados e dos que se incorporarán ás empresas, entre outras liñas de actuación”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com