O BNG-Asambleas Abertas chama á veciñanza de Lugo a apoiar ao sector leiteiro

O BNG – Asembleas Abertas fai un chamamento ás veciñas e veciños de Lugo para que apoien a defensa do sector leiteiro. En palabras de Maite Ferreiro “hai moitas formas de mostrar o noso apoio, comezando por consumir leite e derivados procedentes das explotación leiteiras galegas  e rexeitando marcas que buscan o noso mercado para introducir producto foráneo a baixo prezo”.

A concelleira nacionalista quixo lembrar que en Galiza aínda existen 9.000 explotacións leiteiras, o cal mantén miles de postos de traballo e permite que siga existindo vida no rural “A destrución deste sector estratéxico vai ter consecuencias drásticas para todo o país”, incidindo en que é preciso unha concienciación colectiva tanto de quen vive do leite como de quen non.

Ferreiro, con longa traxectoria no sindicalismo agrario, tamén animou ás veciñas e veciños de Lugo a que participen nas mobilizacións que se están a dar de forma rotatoria en diferentes concellos, nos que destacou as vindeiras pola súa proximidade do día 20 de agosto en Meira ou do 27 en Sarria. “Se queremos que as nosas fillas e fillos teñan futuro no noso país, temos que saír a defender o noso cando no lo están a esmagar”.

Dende o BNG – Asembleas Abertas tamén explicaron que van levar adiante unha campaña informativa para concienciar á veciñanza de Lugo desta problemática, apoiando ao sector nas dúas liñas mencionadas, tanto a través da compra de produto galego como no apoio nas mobilizacións.

Maite Ferreiro insistiu en que o goberno galego “ten que deixar de mirar para outro lado” e concretou que “urxe sacar adiante o proxecto dun grupo lácteo galego, fixar un prezo mínimo por riba dos custos de produción e garantir a recollida de todo o leite, a maiores de retomar proxectos de apoio para o sector coma o Banco de Terras”, comentando tamén que dende a chegada de Feijóo á Xunta “as medidas do goberno foron encamiñadas na destrución do sector”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com