O goberno provincial mellorará estradas polas que pasa o Camiño por seguridade dos peóns

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, anunciou hoxe que a administración provincial estase a implicar a través de dúas vías coas distintas rutas do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia. Por un lado, dende o punto de vista promocional e por outro, a traveso de actuacións dirixidas a garantir a seguridade dos peregrinos.

No que afecta á seguridade, a presidenta provincial explicou que a Deputación de Lugo asistiu á comisión creada para estudar as problemáticas coas que se poden atopar os peregrinos ao seu paso pola provincia. Tendo en conta que diferentes treitos do Camiño de Santiago coinciden con vías provincias, a Deputación levará a cabo actuacións para garantir a seguridade. Moitos dos puntos que entrañan maior risco xa foron identificados e trasladados polas asociacións.

Deste xeito, as primeiras medidas que adoptará de xeito urxente a Deputación de Lugo serán pintado de paso a peóns, sinalización vertical de limitación da velocidade, así como colocación de bandas sonoras en cruces da LU-P-2901 en San Xoán do Alto e en Bacurín (Lugo).

Estas mesmas actuacións acometeranse no cruce da LU-P-1611 en San Román da Retorta (Guntín), onde existen dous pasos de peregrinos; así como nos cruces da LU-P-2101 en Seixón de Arriba e na LU-P-2113 en Miraz (Friol). A maiores, a través da Fundación TIC elaborarase un vídeo para a promoción dos distintos camiños que transcorren pola provincia “de forma que todos os concellos terán o seu protagonismo e poderán dispoñer dun instrumento promocional do seu municipio”, afondou Candia.

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a concesión dunha subvención ao concello de Foz para afrontar os gastos derivados dos estudos técnicos e proxectos iniciais coa finalidade de humanizar e impulsar o comercio nas Avenidas de A Mariña e Álvaro Cunqueiro.

A presidenta da institución asegurou que deste xeito se está a atender a unha petición trasladada dende a administración local que ten por finalidade humanizar as dúas rúas, “gañando espazo para os peóns e mellorando o aspecto con novos materiais no firme e no equipamento”.

Estas rúas teñen unha idea orixinal de travesía de paso e de circulación de vehículos polo centro de Foz e “relegan a un aspecto secundario o desfrute da vía urbana polo veciño a pé e en sentido comercial. Consideramos que estas avenidas deben ser adaptadas ás necesidades actuais dos cidadáns sempre buscando o maior consenso posible”, engadiu.

Este convenio, por un importe de 12.000 euros, ten por obxecto financiar os estudos técnicos e proxectos iniciais desta obra de reforma, “coa finalidade de redactar un anteproxecto que poda servir de base para traballar en consenso cos veciños e coas entidades vinculadas ao sector comercial”.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo tamén aprobou esta mañá a concesión dunha subvención excepcional ao Concello de Antas de Ulla para a realización das obras precisas para efectuar novas captacións de auga nas parroquias de Olveda e Rial, dado o desabastecemento que están a sufrir pola seca e as altas temperaturas.

“As condicións climatolóxicas que estamos a sufrir provocaron que a gran maioría dos veciños destas parroquias se quedasen sen o servizo básico de auga, cos conseguintes problemas que esta situación comporta”. A achega económica de 6.000 euros permitirá realizar obras como a escavación do terreo ou a construción das tubaxes que permitan dotar aos veciños de novas captacións de auga.

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, deu conta ademais da celebración da comisión de valoración para a concesión de subvencións aos concellos destinadas a sufragar os gastos correntes do servizo de axuda no fogar, cuxo importe de financiamento se duplicou co novo goberno provincial, o que beneficia de xeito directo a todos os concellos da provincia.

En concreto, Candia lembrou que esta liña de axudas conta cunha dotación orzamentaria de 1,2 millóns de euros, fronte aos 600.000 euros que achegaba o goberno bipartito ao comezo do último mandato. “É un acto de xustiza cos veciños da provincia que beneficiará tanto aos usuarios como aos concellos”, valorou.

A presidenta da Deputación explicou que na comisión de valoración estivo presente o voceiro do Grupo Socialista, Darío Campos, que se abstivo ante a proposta, mentres que o Bloque Nacionalista Galego non acudiu a esta convocatoria. Unha vez celebrada esta comisión de valoración prevese a aprobación destas subvencións a vindeira semana ben na Xunta de Goberno ordinaria do venres, ou ben a través da celebración dunha sesión extraordinaria.

Unha das primeiras medidas asumidas polo novo goberno provincial foi a de incrementar en medio millón de euros a partida destinada ao SAF e con este incremento acadamos que “en máis do 70% dos concellos logremos cumprir co decreto de servizos sociais que regula que as administracións apoiarán prioritariamente o financiamento do SAF Básico”.

A presidenta da Deputación tamén anunciou que se estudará a modificación das bases polas que se rexe a concesión destas subvencións. “Atopámonos cuns criterios técnicos e unhas bases aprobadas que tivemos que respectar, o que provoca que algún municipio non vexa incrementada a súa achega con respecto ao ano pasado pese a duplicarmos o financiamento do SAF”, aclarou a presidenta.

Esta circunstancia de que un número reducido de concellos sufran unha baixa respecto a pasada anualidade e pese a ser o orzamento maior motívase polo tanto nos criterios aprobados polo anterior goberno. Por exemplo, un dos criterios que se contemplaba nos anos anteriores, e que nesta convocatoria non figura nas bases, era o de manter a contía concedida no ano anterior pese a que o resultado de aplicación do baremo fora inferior, sempre e cando se cumprira o mesmo número de horas e a mesma achega de fondos propios do concello.

Candia precissou que se está a traballar na liña de mellorar esta colaboración cos concellos, que nesta anualidade se incrementou o orzamento dentro da dispoñibilidade existente e que paulatinamente se saldarán as débedas contraídas cos concellos e se mellorarán as bases e os criterios para que ningún municipio resulte afectado. “Estamos diante dunha das cuestións nas que máis insistimos no anterior mandato dende a oposición e, polo tanto, agora dende o goberno é un acto de coherencia e responsabilidade continuar a traballar nesta liña”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com