A Plataforma Sarriana polo río critica a decisión da CHMS de abandonar a obra do río Sarria

Ante as recentes declaracións da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, anunciando o abandono da obra de encanamento do río Sarria e deixando a Ponte Ribeira pechada ó tránsito, “así como a actitude conformista do Concello de Sarria ante semellante perspectiva”, a Plataforma Sarriana polo Río remitiu aos medios un comunicado, ionde sinalan entre outros asuntos, que “só a Plataforma Sarriana polo Río ten presentado unha proposta concreta para lograr a reapertura da Ponte Ribeira ao tempo que se protexe o seu valor patrimonial. Nin a Confederación Hidrográfica, nin o Concello, nin sequera o grupo de empresarios e veciños que, con tanta razón, quéixanse publicamente do corte da ponte por ser os máis afectados, teñen plantexado proposta algunha de solución”.

Do mesmo xeito sinalan que a CHMS, “limítase a rexeitar sen argumentos de ningún tipo a nosa proposta. Como carecen de argumentos explicitamente négaronse a celebrar unha reunión que a Plataforma ten solicitado reiteradamente dende hai máis de 15 días e negándose incluso a acudir á reunión explicativa que dende o Concello anunciouse ó respecto para a vindeira semana”.

“Afirman que o auto do Xulgado paralizando cautelarmente as obras na ponte impide, por exemplo, solicitar autorización ao propio Xulgado para repoñer o taboleiro sen tocar o estribo esquerdo de pedra; esta afirmación gratuita -sen apoio técnico-xurídico ningún- unicamente demostra a falta de vontade da CHMS para solicitar tal autorización garantindo (e aportando a estes efectos os correspondentes informes) que a parte histórica da ponte non se verá afectada. A única finalidade da paralización cautelar é a protección do estribo esquerdo da ponte histórica que a Confederación tiña a intención de demoler”.

E continúan, “se a CHMS renuncia á demolición do estribo esquerdo de pedra, a medida cautelar deixará de ter fundamento e o Xulgado, con toda probabilidade, autorizará a obra. En último térmo, o que amosa esta reacción da CHMS, que foxe de Sarria tras unha actuación lamentable, é a intención dos seus responsables de perxudicar deliberadamente e mesmo castigar aos veciños de Sarria por teren exercido democraticamente o seu dereito a defender o patrimonio”.

Dende a Plataforma afirman que as explicacións da CHMS “tentan ser unha falsa xustificación pero está chea de falsidades e omisións malintencionadas, e incluso de incongruencias/falta de lóxica entre os seus propios pretendidos argumentos.”

 

Tamén critican a actitude do Concello de Sarria. “Nesta situación, resulta desconcertante a actitude do Concello. Todos os seus esforzos deberían encamiñarse á protección do interese dos sarriaos, é dicir, a reapertura da ponte no máis breve plazo posible, pero preservando ao mesmo tempo a nosa Ponte Ribeira”.

Explican que para lograr este obxectivo, “só hai neste momento unha proposta riba da mesa: a proposta formulada pola Plataforma, que lle foi explicada á Sra. Alcaldesa e aos representantes do tripartito (PSdG-PSOE, CXG-CTT e BNG-AA) que goberna no Concello. Causa polo tanto sorpresa e decepción que eses representantes do pobo acepten pasivamente, sen discutir nen loitar, a negativa da Confederación. Que credibilidade ten a estas alturas a Confederación? Que credibilidade ten un organismo que deixa como legado do seu paso pola vila a Maseira do Toleiro, o novo Malecón e a Ponte Ribeira cortada?”.

Os centos de sarriaos que presentaron alegacións contra o derrubamento da ponte de Calvo Sotelo e que acudiron ás manifestacións convocadas pola Plataforma “teñen hoxe a satisfacción de ter salvado a ponte. Temos a certeza de que a preservación e a reapertura da Ponte Ribeira son tamén obxectivos compartidos pola inmensa maioría dos sarriaos”.

A Plataforma afirma que seguirá loitando para conseguir estes obxetivos “na rúa, nos xornais, nos xulgados ou onde faga falla. A Confederación vai fuxir agora espavorecida co rabo entre as pernas, pero que ninguén pense que con isto, deixando as cousas como as deixan, a loita terminou. Nesa nova etapa, o Concello ten que decidir de que lado se coloca: do lado dos veciños de Sarria que actúan movidos pola boa fe e a defensa do seu, ou do lado dos representantes de intereses creados completamente alleos ao interese xeral”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com