Lugo Monumental considera inadecuado que o programa cultural do verán 2015 publicado polo Concello de Lugo inclúa varias excursións a outros municipios, a onde se leva aos participantes a comer po na “feira de Rábade” ou comidas en “restaurante en Rábade”.
A Asociación entende que “o noso municipio ten suficientes elementos de interese para que se cingan estes percorridos ao territorio de local, de forma que os participantes tamén fagan as súas consumicións dentro de Lugo. Non parece moi axeitado que mentres se utilizan recursos para levarse a xente de a nosa propia cidade, elementos tan importantes como os baños públicos das prazas de Santo Domingo ou de España sigan pechados e sen solución á vista, unha situación que Lugo Monumental xa advertiu a principios de marzo, cando había tempo máis que suficiente de evitar que os locais do casco histórico teñan que prestar este servizo”, explica Luis Latorre, presidente desta asociación.
Doutra banda afirma que “a complicación dos horarios dos museos e salas de exposicións de titularidade municipal é demasiado variada, e obriga os posibles visitantes a navegar nun “sudoku” de horarios que parece pouco axeitado. O normal sería que todos os centros de visita da cidade teñan o mesmo horario, e que se informe mesmo das liñas de autobús que poden tomar os foráneos para visitar o MIHL, xa que existe unha confusión enorme respecto á súa situación para os que non son da cidade”.
Por último, sinala que “segue inactiva a web www.lugoturismo.com, que no seu día se anunciou como un grande avance para a difusión dos atractivos da cidade e que leva meses fose de liña. Se se entra na devandita dirección remítese a www.lugo.es, unha web que tamén está desactivada e que remite a unha terceira páxina, www.lugo.gal, que é a oficial do Concello de Lugo pero cuxos contidos son extremadamente pobres dende o punto de vista turístico”, concluíu.