O servizo de transporte público urbano de Lugo, o máis barato de Galicia, rexistra unha media diaria de 8.200 pasaxeiros, de luns a venres. Nos primeiros sete meses deste 2015, o servizo tivo máis de 1,9 millóns de usuarios, unha cifra que se mantén estable en relación co mesmo período de tempo do ano anterior.
Os meses de maior volume de pasaxeiros foron marzo e xuño, con 190.866 e 188.416 usuarios, por diante de maio (183.953), abril (182.327), xaneiro (174.712) e febreiro (170.213). O mes que rexistrou menos viaxeiros foi xullo, 168.852, que sen embargo incrementou en máis de 2.300 os usuarios en relación a xullo de 2014.
Os viaxeiros que utilizan o bus urbano en Lugo soben un 5% en xuño e xullo con respecto ao mesmo período do 2014, o que supón máis de 18.200 pasaxeiros máis. Os días que rexistran unha maior afluencia de viaxeiros son os martes e venres, dende as 07:30 ás 10:00 horas e dende as 12.30 ás 15:00 horas.
As liñas con máis pasaxeiros son a 9A (O Ceao – Praza do Rei), a 9 (O Ceao-Praza do Rei-San Roque), a 14, 14 A e 8, con parada no Hospital Universitario Lucus Augusti, e a 3 e 3A (Fingoi-Ramil e Acea de Olga-Ramil, respectivamente).
O servizo de autobús urbano de Lugo, que conta dende o 2011 cunha tarifa de billete ordinario de 0,64 euros, sendo o máis barato de Galicia e uns do máis baratos de España, moi por debaixo dos 1,23 euros de media, ofrece na actualidade máis de 20 rutas. Toda a a información sobre horarios e liñas está dispoñible en www.lugo.gal
No caso dos buses urbanos aproveitarase a nova concesión para modernizar e mellorar a prestación do servizo, adaptándoo á realidade do municipio. Nos propios pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares –dispoñibles no Perfil do Contratante, na páxina web do Concello-, figura recollido especificamente que a empresa que resulte concesionaria deberá realizar un estudo pormenorizado de todas as liñas urbanas, e as medidas para mellorar o seu funcionamento e corrixir calquera deficiencia. Logo da oportuna tramitación e emisión dos informes técnicos procedentes, este estudo deberá ser aprobado polo Concello.
O Goberno local considerou máis idóneo implicar á empresa que resulte concesionaria na mellora das liñas debido a que contará con persoal especializado para facer o devantido estudo e será a que, en definitiva, aplique as medidas que se adopten.