A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, adiantou hoxe que dende a administración provincial están a estudar a apertura de liñas de axuda a persoas con discapacidade e perceptoras de pensións non contributivas.
Candia subliñou esta proposta que posiblemente se desenvolverá a través dun bono social, e se dirixirá a atender ás necesidades prioritarias de persoas con dificultades para traballar por problemas de saúde. A presidenta provincial engadiu que a través desta iniciativa se teñen en conta a beneficiarios imposibilitados para traballar ou con dificultades para atopar emprego e que, a maiores, teñen acreditada a súa falta de ingresos.
Candia ofreceu estas declaracións tras a visita que esta mañá fixo ás instalacións que a Fundación de Dano Cerebral (FUDACE) ten en Castro Ribeiras de Lea, onde a presidenta destacou que o compromiso cos máis necesitados, xunto á cooperación cos concellos, é unha das prioridades do novo goberno.
De igual maneira, a presidenta da Deputación de Lugo reafirmou hoxe “o compromiso da institución coa Fundación de Dano Cerebral para axudar a mellorar e incrementar os servizos que presta” e neste senso trasladou a total dispoñibilidade do ente provincial para continuar a involucrarse co proxecto que está a desenvolver FUDACE.
A presidenta lembrou que a institución provincial está a colaborar co proxecto da Fundación de Dano Cerebral “para deixar o complexo nas mellores condicións posibles a través dunha subvención de 100.000 euros, concedida neste ano, para os custes da instalación dun novo sistema de autoxeración de enerxía eléctrica”.
“Quixen visitar este centro para coñecer de primeira man o funcionamento da Fundación, que froito do seu traballo e compromiso conta hoxe cun complexo asistencial para estas persoas, con 16 camas de residentes que atenden aos usuarios os 365 días do ano e cunhas instalacións que reúnen unhas condicións destacables e nas que se está a traballar”, matizou.
Durante a reunión Elena Candia trasladoulle ao presidente de FUDACE, Luís Abelleira, o compromiso do novo equipo de goberno para continuar a involucrarse con este proxecto e emprazáronse a estudar novas liñas de colaboración.