A Deputación de Lugo anunciou esta mañá que destinará preto de 60.000 euros a potenciar a actividade formativa do Campus Universitario de Lugo. Nomeadamente, as achegas da administración provincial diríxense, por un lado, a fomentar as titulacións de máster, e por outro lado, á realización de cursos de verán na provincia.
A presidenta da Deputación, Elena Candia, e o reitor da USC, Juan Viaño, xunto ao vicerreitor de coordinación do Campus Universitario de Lugo, Javier Bueno, asinaron esta mañá os dous convenios de colaboración, que poñen de manifesto o apoio firme e decisivo da administración provincial coa USC.
Durante a súa intervención, Elena Candia sinalou o compromiso colaborador do goberno provincial coa USC co obxecto de “seguir a construír en Lugo un campus de calidade, capaz de ofrecer unha oferta educativa e de vangarda e no que se incremente a demanda do alumnado”. Neste senso e segundo engadiu a presidenta, “a promoción é esencial para poñer en coñecemento do alumnado a oferta da USC no Campus de Lugo”.
Un dos convenios aprobados esta mañá diríxese ao fomento das titulacións de máster no Campus de Lugo, para cuxa finalidade a Deputación achega un importe de 30.000 euros. “A través desta contribución permitiremos promocionar estas titulacións e que se melloren os recursos humanos e materiais, ata o punto de que recibirán axuda dez titulacións de máster oficial que se imparten en Lugo”, matizou a presidenta.
En canto ao segundo dos convenios asinados, a traveso dun importe de 20.800 euros, a Deputación de Lugo promociona os cursos de verán da USC que se imparten na provincia de Lugo. Neste ano, incrementáronse nun 67% o número de propostas, pasando de 15 a 25, cun total de 438 alumnos.
A Deputación de Lugo tamén está a articular coa Universidade de Santiago de Compostela o desenvolvemento futuro das prácticas do alumnado da Facultade de Veterinaria na Granxa Gayoso Castro. Unha iniciativa que conta co máximo agrado das dúas institucións, de xeito que a actual unidade de leite da Granxa Gayoso Castro se reorientará a un centro tanto docente como investigador.
Neste senso, a presidenta da Deputación engadiu que esta proposta non só amplía a colaboración coa USC senón que “se trata tamén dunha iniciativa de apoio ao sector primario, xa que dende unha administración pública non se pode estar a facer competencia desleal aos gandeiros”.
Candia tamén lle propuxo aos responsables da institución educativa a posibilidade de que os alumnos da Facultade de Humanidades podan participar coas súas achegas na elaboración dos contidos a través dos que se promocionan os produtos turísticos da provincia e que se colgan nos perfís webs da Deputación.
Pola súa banda, o grupo socialista provincial acusou ao goberno da Deputación de “retrasar as axudas do Plan de Choque e atentar contra a Facultade de Veterinaria”.
Así o apuntou o Deputado provincial Socialista, Álvaro Santos Ramos, que afirmou que o goberno progresista de Gómez Besteiro na Deputación de Lugo, coa colaboración da USC, puxo en marcha un pioneiro Plan de Choque en impulso do Campus de Lugo con 13 medidas perfectamente detalladas e presupostadas, pois conta con 500.000 euros. Aínda ter todo listo, é dicir, contar cos convenios de colaboración redactados e o orzamento correspondente para cada un deles, o Executivo popular de Elena Candia non foi capaz de continuar co desenvolvemento normal desta programación e retrasou o pago das axudas do organismo provincial á Universidade, como é o caso das dos cursos de verán”, explicou.
Santos Ramos tamén acusou a Elena Candia de aprobar en Xunta de Goberno o peche da unidade de leite da Granxa Gayoso Castro sen ter en conta “os graves prexuízos que isto supón para a Facultade de Veterinaria, pois, de levarse a cabo, os estudantes quedarían ser unhas instalacións onde realizar prácticas únicas e imprescindibles”, concluíu o deputado socialista.