O choque entre o Club Deportivo Lugo e o Pontevedra celebrado onte, arrancou positivo para o Lugo dende o primeiro minuto. Aínda non transcorreran os primeiros compases do partido cando David López enviaba un preciso pase á incorporación de David De Coz por dereita, ocasión que aproveitou o lateral para deixar un balón franco á entrada de Pablo Caballero que o arxentino remataba con comodidade á rede.
Vantaxe inicial e situación soñada para os de Milla que saltaban ao verde co esquema xa habitual, procurando control na zona medular e velocidade por ambas as dúas bandas para concluír as chegadas en poucos toques. Bo intercambio posicional entre os homes de banda e carrís interiores para buscar o desborde e a ruptura nos duelos individuais.
A primeira metade deu entón un xiro importante, cun CD Lugo que adiantaba liñas sobre terreo inimigo, e aumentaba o seu volume de chegadas, principalmente por bandas. Molinero e Ferreiro erixíanse en principais activos neste capítulo, ben apoiados por Igor Martínez e David López na combinación e o cambio de xogo. O período transcorría baixo a batuta dos de Milla, aínda que sen a pausa dos primeiros minutos. En fronte, o Pontevedra CF buscaba dar a sorpresa en dous achegamentos en botas de Borjas e Miki que, de novo, José Juan solucionou con claridade. A primeira parte remataba con igualdade no electrónico e todo por xogarse no seguinte período.
O partido continuou baixo o control do equipo visitante, aumentando a súa presenza a través da entrada de Iriome, Pedrosa e Sergio Marcos, que chegaron de refresco para manter o nivel físico e de esixencia proposto. Entrados no cuarto de hora final, De Coz e Iriome rozaban o tanto en senllos achegamentos ben abortados pola zaga granate. O paso dos minutos deixaba patente o control dos de Milla en todas as fases do xogo, con protagonismo especial no mediocampo, onde o CD Lugo exhibiu todo o seu potencial en transicións defensa-ataque.
Malia os esforzos realizados, o empate non remataría de romperse, e alcanzado o minuto noventa, o colexiado decretaba o final, e a conseguinte quenda de penaltis para decidir o campión do Luis Otero. As penas máximas, de novo esquivas para os intereses do CD Lugo, decretaban campión ao Pontevedra CF.