Presentación de xogadores e equipo técnico no Prone

Mañá de presentacións nas filas do Prone Lugo F.S., o cadro que prepara Manuel Vázquez presentou hoxe a dous novos xogadores, trátase da peche catalán Marrupe (25 anos), que chega do C5 Atiesse da Liga Italiana, pero que conta con experiencia na Liga Española, a que o propio Marrupe, cualificou como a mellor, xa que con anterioridade á súa etapa italiana militou en Marfil Santa Coloma, Zamora e Praias de Castellón.

Marrupe afirmou que presinte “unha Segunda División moi igualada, pero en ganas e ambición ninguén pode superar ao Prone, é un histórico do fútbol sala nacional, e espero que a afección se volva enganchar, xa que o apoio da grada será fundamental para lograr os obxectivos”.

Asemade, volve ao club o porteiro de Sarria, Juan, deixou para enrolarse nas filas do Mobles Caloto co que competiu en Segunda División B, logo do cal se foi ao fútbol sala a nivel autonómico coa Peña Españolista e o Hotel Roma.

O propio Juan afirmou que “a miña fichaxe polo Prone é unha oportunidade que quero aproveitar ao máximo e espero poder axudar ao equipo a lograr os obxectivos”.

Non só houbo presentacións de xogadores, senón que tamén foron presentados o segundo adestrador e o preparador físico. Os labores de segundo adestrador recaerán en Manu Lombardía, un adestrador lucense con ampla experiencia no fútbol sala provincial e autonómico, ademais de bo coñecedor da base da provincia, xa que é o adestrador da selección cadete de Lugo coa que nos últimos anos logrou ser campión e subcampión galego.

Manu sinalaba aos medios que “estamos á espera de que cheguen xogadores que temos pechados e poder traballar co plantel completo canto antes, xa que a Segunda División é unha categoría moi igualada e complicada.”

O preparador físico do Prone Lugo F.S. será Miguel Morandeira, un lucense licenciado en INEF, e que chega ao fútbol sala logo de moitos anos ligado a clubs de baloncesto, os últimos seis anos no Club Estudantes de Lugo; Morandeira asegura que “atopeime un club moi profesionalizado, no que me atopo cómodo e é fácil traballar , sei que hai algunha diferenza coa preparación do baloncesto, pero temos o traballo enfocado a empezar forte e manternos o mellor posible todo o ano”

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com