Un milleiro de persoas solicitou a Tarxeta Cidadá do Concello no primeiro semestre do ano 2015. Trátase dun dispositivo intelixente multiservizo, que lle permite aos usuarios identificarse e facer uso dos servizos municipais dun modo máis rápido e sinxelo. O mes no que máis solicitudes se rexistraron foi marzo, con 208.
Dende a posta en funcionamento deste dispositivo polivalente, en abril do 2011, o Concello emitiu 17.598 tarxetas, que serven, entre outros servizos, para aboar o transporte público.
A Tarxeta Cidadá pódena obter todas as persoas que vivan no termo municipal de Lugo, mesmo sen estar empadroado no Concello. Os interesados deberán imprimir a solicitude dende a web lugo.gal, acudir ao banco a pagar as taxas e entregar a documentación nas instalacións municipais da Ronda da Muralla, 197.
De xeito inmediato recibirán a tarxeta, que non pode ser cargada ata o día seguinte. O seu uso é exclusivamente persoal e intrasferible e non ten data de caducidade.