Os participantes no obradoiro Cultur@Lvcvs organizarán actividades para os pequenos nos museos

Os participantes no obradoiro de emprego Cultur@Lvcvs elaborarán un programa de actividades didácticas para os máis novos nos museos da cidade co fin de impulsar o seu coñecemento e valorización. Esta será unha das accións que desenvolverán os 23 beneficiarios deste novo programa de inserción laboral, que arrancará a semana que vén e rematará a finais do vindeiro mes de febreiro, segundo anunciou este xoves a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto.

Durante seis meses, os alumnos-traballadores mellorarán as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral recibindo formación especializada en turismo, xestión cultural e educación ambiental, “apostas fundamentais do Concello para impulsar o crecemento socioeconómico de Lugo”, subliñou Prieto.

O obradoiro Cultur@Lvcvs ten, deste xeito, tres especialidades formativas:

– Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais, con 8 alumnos, que organizarán un programa cuatrimestral de actividades didácticas e obradoiros para os máis novos –alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria- na Rede Municipal de Museos, e o soporte de ditas actividades (trípticos, cadernos didácticos e guías de centros).

– Interpretación e Educación Ambiental, con 7 alumnos, que, entre outras actuacións, desenvolverán visitas guiadas polas rutas naturais no entorno do Miño e o rural lucense, con especial atención a aquelas relacionadas ao Camiño Primitivo da Santiago, e elaborarán guías con información sobre as principais características medioambientais de cada un dos itinerarios co obxectivo de poñer en valor estas zonas naturais e fomentar na cidadanía a necesidade de protexelas.

– Promoción Turística Local e Información ao Visitante, con 8 alumnos, que colaborarán nas tarefas de atención e asesoramento dos visitantes e residentes nas súas demandas de información e revisarán a información de interese sobre o entorno local para dar a coñecer o seu potencial turístico.

Ao finalizar o obradoiro, os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos. O Concello de Lugo xa ten experiencia no desenvolvemento deste tipo de obradoiros, como foi o Arqueo Lvcvs e o Vrbs Lvcvs, que permitiron dixitalizar unha parte importante do patrimonio histórico e documental lucense.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com