O BNG preguntará sobre a execución dos hortos urbanos

O BNG – Asembleas Abertas preguntará ao novo goberno municipal sobre que opinión que teñen a respecto de levar adiante a proposta feita no pasado en diversas ocasións polo grupo nacionalista, de proxectar hortos urbanos en diferentes puntos da cidade.

Para Rubén Arroxo “é unha demanda existente, de pouco custe e dun importante beneficio social”, informando ademais de que “cada vez máis xente intenta achegarse a estas iniciativas”. O BNG-AA xa presentou iniciativas a este respecto, e na propia campaña electoral fixo unha ocupación simbólica nun terreo municipal para insistir na importancia desta proposta.

“É unha forma de cultivar os teus propios produtos, de ter un ocio saudable, e de que se manteñan os métodos da agricultura tradicional dunha xeración a outra, algo que entre as nenas e nenos da cidade se está a perder”.

Para o grupo nacionalista esta é unha medida “pensada nunha cidade que se quere para as persoas, onde existen terreos que permiten a socialización e a autoprodución e non só se vexa nos solares unha mina de cartos para catro que os usan para especular con edificios”.

Para o voceiro do BNG-Asembleas Abertas débese deseñar a instalación destes hortos en diferentes barrios da cidade, “co fin de que as veciñas e veciños de Lugo poidan ter algún a unha distancia que lles permita achegarse sen necesidade de depender de vehículo”.

Rubén Arroxo quixo lembrar que na ocupación simbólica que se fixera no pasado mes de maio en Lamas de Prado, “as persoas que alí estaban mostrábanse sorprendidas de que estes proxectos non estean xa instalados a xente o primeiro que che di é que non ten xeito ter terreos municipais feitos unha silveira, cheos de lixo, ou gastando cartos en desbroces, cando existen persoas dispostas a atendelos, e algo que é positivo tanto para quen os usa como para o propio concello” afirmou o concelleiro nacionalista.

Dende as filas do BNG-Asembleas Abertas informaron que a parte de facer dita consulta ao concello, se reunirán con veciñas e veciños concienciadas con esta iniciativa, e que xa participaron en momentos anteriores, ca idea de seguir facendo actos tanto con finalidade reivindicativa, como informativa.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com