O Concello facilitará semanalmente á oposición todos os contratos menores

O Concello de Lugo vén de anunciar que facilitará semanalmente á oposición todos os contratos menores tramitados pola administración local, segundo informou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto.

Deste xeito, os grupos políticos disporán dun espazo habilitado no servizo de Actas para consultar a documentación que requiran e precisen unha vez á semana, de 10.00 a 14.00 horas. Tras apartar aos políticos das Mesas de Contratación por ser órganos estritamente técnicos que resolven en función de criterios obxectivos e avaliables tecnicamente, o Goberno local decidiu substituír as Xuntas de Compras pola consulta semanal dos documentos.

O Goberno local aumentou o nivel de esixencia establecido pola propia Lei de Contratos do Sector Público. Para os contratos de obras por importe de ata 2.000 euros e de servizos e subministracións por un máximo de 6.000, o Concello tramita proposta e memoria; e no caso de contratos de obras de entre 6.000 e 50.000 euros e servizos e subministración de entre 2.000 e 18.000, requírese proposta, memoria e tres orzamentos, cando a Lei permite, en todos estes casos, adxudicalos directamente a calquera empresa con capacidade de obrar e que conte coa habilitación profesional necesaria para realizar a prestación do servizo.

Deste xeito, os 5 grupos da oposición poden consultar os asuntos tratados na Xunta de Goberno os xoves, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Co fin de axilizar o labor da oposición e non entorpecer o traballo do persoal do departamento de Actas, habilitouse unha mesa do servizo para a consulta.

Pola súa banda, os decretos asinados poderán ser consultados de xeito informático, como ata o de agora. Polo que respecta ao resto de información, seguiranse as canles establecidos no Regulamento Orgánico de Funcionamento (ROF).

Ademais, os grupos terán toda a información sobre os asuntos abordados nas Mesas de Contratación –das que deixaron de formar parte os políticos- ao día seguinte de celebrarse.

Doutra banda, o voceiro do goberno local, Miguel Hernández, acusou esta mañá ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, de “despreocupación ante a gravidade dos incendios e a situación insostible das explotacións lácteas. “Demostran unha vez máis que ó único que fai Feijóo ante os problemas do país é agocharse, botando sempre a responsabilidade noutros”, subliñou Fernández.

No caso dos lumes forestais, “Núñez Feijóo apela cun falso vitimismo á colaboración cidadá e á persecución dos incendiarios, e culpa aos Concellos, algo que mesmo criticaron alcaldes do seu propio partido, cando a realidade é que a política de incendios que desenvolve a Xunta é un fracaso, insostible economicamente, e baseada só nun dispositivo de extinción cada vez máis fragmentado, e menos operativo e eficiente, en vez de apostar por un modelo de prevención”.

En canto á crise do lácteo, sinala Fernández que “o Presidente da Xunta tardou seis anos en darse conta de que é un problema de país; seis anos en decatarse de que as explotacións leiteiras son un dos motores fundamentais da economía galega e que, como tal, as Administracións, a central e a autonómica, non son meras espectadoras, senón que deben implicarse ao máximo para garantir que o sector lácteo siga contribuíndo ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com