O goberno provincial incrementa en medio millón de euros as partidas de Axuda no Fogar nos concellos

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, avanzou hoxe que a pretensión do goberno provincial é a de dotar á correspondente partida orzamentaria dos fondos suficientes durante as contas de 2016 para saldar as débedas contraídas cos concellos en materia do Servizo de Axuda no Fogar.

A presidenta da institución reiterou o compromiso da Deputación co benestar e, neste senso, “estamos a traballar para atender ás reclamacións dos municipios que solicitan o cumprimento do decreto de servizos sociais, despois de que o anterior goberno provincial se negase a atender maioritariamente o servizo de axuda no fogar”.

Candia deu estas declaracións tras a celebración da Xunta de Goberno desta mañá na que se aprobaron as subvencións en réxime de concorrencia competitiva para gastos correntes do servizo de Axuda no Fogar na modalidade de prestación básica, por un importe de 1,2 millóns de euros, tras incrementar a partida en medio millón de euros.

A presidenta provincial destacou que este incremento de partida “reflíctese nun amplo número de concellos como o de Ribadeo, que recibirá 47.000 euros fronte aos 27.000 euros que recibiría co orzamento do goberno bipartito, o de Riotorto que pasaría de 10.000 a 18.000 ou o de Viveiro de 18. 552 euros a 31.805 euro”s.

Candia tamén matizou que “tivemos que atender a unhas bases elaboradas previamente, aprobadas en Xunta de Goberno de 13 de marzo de 2015, coas que cumprimos ao 100%, polo que o incremento da contía non implica que todos os concellos suban en subvencións, unha situación que trataremos de evitar nas próximas anualidades e para o que reformularemos as bases”.

Neste senso, a presidenta da institución tamén garantiu que na próxima anualidade en todos os concellos da provincia se asumirá máis do 50% do custe do servizo.

“Dende o goberno provincial traballamos centrados na cooperación cos concellos e no benestar da provincia, pola contra a oposición dedícase a buscar escusas para prolongar no tempo os procesos”, engadiu a popular, quen informou de que na comisión de valoración celebrada antes da Xunta de Goberno, o BNG votou a favor da proposta de concesión de subvencións do SAF; mentres que os socialistas abstivéronse.

En Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou a concesión de 33 subvencións a propietarios de embarcacións de pesca de baixura, por un importe total de 95.285,07 euros. O delegado de Pesca, José Demetrio Salgueiro, explicou que esta liña de axudas ten por obxecto  o apoio ao sector pesqueiro de baixura coa mellora de embarcacións con porto base na Mariña Lucense.

José Demetrio Salgueiro explicou que se recibiron un total de 36 solicitudes, das cales 33 foron estimadas, mentres se produciu unha renuncia e se excluíron dúas por non axustarse ás bases, nun dos casos, o domicilio social do interesado non estaba na provincia de Lugo, mentres que outra das solicitudes se rexistrou fóra de prazo.

Por último, o delegado de Pesca na Deputación tamén engadiu que se está a traballar nunha segunda nova liña de axudas dirixida á Federación Provincial de Confrarías, que “leva a cabo accións de promoción do sector pesqueiro, unha das labores fundamentais para poder promocionar de forma conxunta os produtos da nosa provincia e que repercutan no sector”.

Declaracións do Grupo Provincial Socialista

Pola súa banda, o Grupo Provincial Socialista afirmou que esta medida do PP corresponde as axudas de 100.000 euros ao sector pesqueiro do anterior goberno de Gómez Besteiro. “Trátanse das subvencións do plan único en Galicia de recuperación da frota de baixura da provincia, que creou o Executivo progresista dentro da súa aposta polo impulso dos sectores produtivos e en resposta ás peticións dos veciños nos Orzamentos Participativos de 2015”, segundo as palabras do deputado socialista Álvaro Santos Ramos

Afirmou que as axudas, cuxa resolución aprobou hoxe a Xunta de Goberno, “son do Executivo progresista de Besteiro. Son as subvencións do plan pioneiro en Galicia de recuperación da frota de baixura da provincia que nós creamos; que, sendo previsores e co obxectivo de que todo o sector lucense se beneficiase, dotamos de 150.000 euros, polo tanto, quedan 50.000 euros que se poden destinar a máis axudas para este sector; cuxas bases elaboramos, aprobamos na Xunta de Goberno do 6 de febreiro e publicamos no BOP do 7 de febreiro, abrindo, ao día seguinte, o prazo de solicitude”.

“Só quedaba que, unha vez transcorridos os prazos legais, unha Mesa Técnica e non política, tal e como acordamos facer, avaliase as solicitudes presentadas e fixese a proposta de adxudicación que, finalmente, acordase a Xunta de Goberno. Isto último, e soamente isto, é o único que fixo o Goberno de Candia: aprobar a resolución das nosas axudas”, concluíu Santos Ramos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com