O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo felicítase pola adxudicación definitiva na Xunta de Goberno deste venres das obras que o Goberno progresista deixou en fase de contratación e coa súa consignación orzamentaria correspondente para mellorar os accesos viarios ás praias de Xilloi, no Vicedo, e de Altar-Reinante-Os Castros, en Barreiros. O PSOE agarda agora “que o PP rectifique, unha vez máis, e faga o mesmo cos traballos de 170.000 euros en estradas provinciais de Viveiro, Ribadeo e Foz que tamén fan de acceso a areais da Mariña, que o Executivo de Gómez Besteiro deixou listos para a súa execución e que o Goberno de Candia decidiu paralizar nada máis chegar á Deputación sen explicación algunha”.
Segundo explican dende o PSOE, o anterior goberno aprobou na Xunta de Goberno Provincial do 15 de maio un plan de obras para mellorar accesos viarios provinciais a praias de toda a Comarca da Mariña dotado de 401.216 euros do Presuposto Participativo deste ano, respondendo, deste xeito, ás peticións veciñais.
“O executivo anterior acordaba mellorar o firme con aglomerado en quente, reforzar a sinalización e limpar cunetas nun total de 6,57 quilómetros de 6 vías provinciais que fan de acceso a outros 6 areais en Barreiros, Foz, Ribadeo, O Vicedo e Viveiro”.
“Aprobadas estas actuacións, polo tanto, co visto e prace do Servizo de Intervención e o orzamento necesario para a súa execución; as obras xa estaban en fase de contratación. Pero o Executivo popular de Candia paralizou obras de 170.000 euros, concretamente, as das melloras aos accesos ás praias dos Castros, en Ribadeo; Llas, en Foz; e Abrela, no Vicedo, aínda que neste caso a estrada é de Viveiro, polo que a decisión arbitraria do PP afecta a este Concello”.
A Xunta de Goberno do 15 de maio aprobou o seguinte plan de obras:
– LU-P-0610, que dá acceso ás praias de Altar, Reinante e Os Castros, no Concello de Barreiros, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4,450 e 7,450. O orzamento é de 142.321 euros e foi aprobada hoxe en Xunta de Goberno.
– LU-P-2011, de acceso á praia de Llas dende Marzán, no Concello de Foz, cunha inversión de 39.098 euros para a mellora do treito entre os puntos quilométricos 0,178 e 0,464. Segundo os socialistas, esta actuación quedou suspendida.
– LU-P-5206 e LU-P-5208, que supoñen dous accesos diferentes á praia dos Castros, en Ribadeo. No caso da primeira delas, actuarase entre os p.k. 0,206 e 0,906; no caso da segunda, do p.k. 0,000 ao 0,655. Son en total 1,55 quilómetros en cuxa mellora investiranse 68.804 euros. O PSOE critica que esta actuación non se leve finalmente a cabo.
– LU-P-6405, que dá acceso á praia de Xilloi, no Concello do Vicedo, entre os puntos quilométricos 2,070 e 3,440, ao que hai que engadir o propio ramal de acceso á praia, sumando uns 1,5 quilómetros. O importe da mellora neste caso é de 90.942 euros. Aprobada hoxe en Xunta de Goberno.
– LU-P-6412, que une Viveiro coa praia de Abrela no Vicedo. O tramo obxecto de actuación é o comprendido entre os puntos quilométricos 0,150 e 1,175, no Concello de Viveiro, cun orzamento de 60.048 euros. Deste xeito, completábase a mellora total da vía, posto que no tramo do Vicedo xa se actuara no seu momento. Os socialistas afirman que esta actuación tamén foi suspendida polo actual goberno provincial.