Mareas e Plataformas Cidadás, a prol dunha candidatura galega de unidade popular

Preto de medio cento de mareas e plataformas cidadás, entre elas Lugonovo, participaron no encontro celebrado no día de onte no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.

Coincidiron na necesidade de traballar en común por nun proceso aberto e participativo, sen ningún tipo de exclusións, de cara as vindeiras eleccións xerais. O obxectivo perseguido ao longo do encontro foi o de recadar o éxito conseguido nas pasadas eleccións do 24 de maio,  “e non quedar illados en estratexias municipalistas, acordando que as mareas deben de dar o paso e traballar por ser un dos piares dos cambios que se están a producir na sociedade”.

“As candidaturas cidadás reunidas consideramos que o importante é poñer en valor o 90% que une a todas as sensibilidades inmersas nestes procesos, apostando pola defensa dos sectores públicos, a creación e cumprimento de códigos éticos, as primarias como método de elección de representantes, a transparencia na xestión, a participación cidadá na toma de decisións e a igualdade entre as persoas”.

Entre as medidas acadadas decidiron a creación dun grupo de traballo aberto á participación da xente das plataformas, que comezará a traballar antes do mes de setembro para a preparación de vindeiros encontros, recalcando a necesidade de que as candidaturas nomeen a unha persoa para que participe na xestión.

Asemade, as diferentes plataformas consideraron que o debate sobre a participación das distintas candidaturas debe darse nas asembleas de cada agrupación, que deberá comunicar ao grupo de traballo as conclusións e a dispoñibilidade de traballar nun espazo en común. “Por cuestión de operatividade, considérase o horizonte da primeira semana de setembro como data límite para que se dea o debate nas disintas asembleas de base”, explican.

Concordaron en que non debe ser unha candidatura de siglas, senón a título individual no que participen cidadáns de distintas sensibilidades que defendan uns principios mínimos, co obxectivo de crear unha candidatura galega de unidade popular.

Os dous encontros formulados ao longo do mes de agosto, tanto o do día 22 co Encontro Cidadán por unha Marea Galega como o do 23 co Banquete de Conxo 2.0, non son excluíntes ao proceso aberto polas mareas cidadás. “Pola contra deben conxugarse, xa que consideramos que o obxectivo perseguido é similar”, concluíron.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com