O voceiro do grupo provincial popular, Carlos Armesto e a Vicepresidenta Segunda e Deputada Delegada de Benestar, Igualdade e Xuventude, Mari Teijeiro, manifestaron, esta mañá, que a Deputación de Lugo destina un 71,43% máis que o anterior Goberno bipartito ao Servizo de Axuda no Fogar básico de cada Concello lucense, logo de que o actual executivo decidise destinar 500.000 euros máis a este servizo.
Na rolda de prensa ámbolos dous deputados tildaron de falsas as declaracións dos socialistas e deixaron moi claro que o actual Goberno provincial non variou, en absoluto, o reparto porcentual do investimento entre os Concellos senón que continuaron coas subvencións, bases e porcentaxes que PSOE-BNG aprobaron o pasado día 13 de marzo de 2015 nunha Xunta de Goberno.
“Se falan de discriminación é preciso que dean explicacións eles mesmos, xa que o reparto das subvencións fíxose atendendo aos criterios técnicos e as bases que eles estipularon”- manifestaron os populares quenes insistiron que o calculo e baremación de criterios foi técnico e a única decisión política foi a de incrementar a partida nun total de 500.000 euros mais, o que favorece que todos e cada un dos concellos reciba un 71,43% mais do que ían recibir se continuase no goberno o bipartito.
Armesto e Teijeiro aseguraron que co goberno do PP todos os concellos da provincia de Lugo, con independencia da cor política, experimentan unha suba dos recursos destinados a axuda no fogar. “Os Concellos gobernados polo partido popular, o 50% do total, 33 municipios, perciben o 57% dos recursos; os do PSOE reciben 163.031 euros máis que cando gobernaba o bipartito, un total de 391.271 euros e os municipios do BNG 37.229 euros máis, ata sumar 89.351 euros”- expuxeron.
Os populares acusaron aos socialistas de denunciarse a si mesmos posto que “están criticando o que eles mesmos aplicaron no seu día”, polo que os instaron “a responder a esas diferenzas e discriminacións das que hoxe falan dende a oposición”.