Lugonovo insta ao Concello a empregar un código ético que regule o financiamento público das festas

O Grupo Municipal Lugonovo amosou a súa satisfacción porque a Comisión Especial das festas do San Froilán, aprobara esta mañá, por unanimidade, a proposta de nomear a Darío Xohan Cabana como pregoeiro deste ano.

Pola contra, Lugonovo valora negativamente que non se tivesen en conta case ningunha das propostas presentadas polo resto dos grupos municipais e que, a función da Comisión sexa comunicar as contratacións xa feitas, a título informativo, sen consultar previamente ao resto dos portavoces e sen aportar datos concretos de cómo e quén as levou a cabo.

Por outra banda e durante a xuntanza coa Comisión de Festas, Cristina Pérez Herráiz, instou ao Concello “a empregar, de agora en diante, un código ético, no que ten que ver co financiamento público, para non subvencionar aqueles festexos nos que se promova o maltrato animal ou actividades que poñan en entredito a dignidade das persoas, como por exemplo aqueles que inclúen certames de beleza que adoitan ser vexatorios e altamente sexistas”.

“Dende Lugonovo consideramos que só se poden comprometer partidas dos presupostos municipais cando se trate de sufragar celebracións que sexan de interese xeral, que promovan certos valores culturais e sociais vencellados a Lugo e aos seus barrios e que, baixo ningún concepto, atenten contra os dereitos humanos ou menosprecen e humillen a ninguén pola súa condición sexual”, concluíu.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com