A Xunta de Goberno aprobou na reunión deste mércores o subministro e instalación do alumeado público ornamental nas rúas durante as festas de San Froilán, do 3 ao 13 de outubro, por un importe de 19.300 euros, tal e como explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández. A adxudicataria poderá comezar coa instalación a partires do 23 de setembro, previa consulta co departamento municipal de Cultura, e a desmontaxe terá lugar entre os días 13 e 23 de outubro.
Instalaranse 242 arcos, rótulos e focos en 64 puntos da cidade: rúas, prazas, portas da Muralla e recinto feiral. Miguel Fernández adiantou que este ano “colocaremos alumeado dedicado ao Camiño de Santiago entre a Ronda das Fontiñas e Porta Miñá, parte do trazado da ruta xacobea ao seu paso por Lugo, en recoñecemento á recente declaración deste ben como Patrimonio da Humanidade”.
Asemade a Xunta de Goberno acordou delegar na Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, as competencias para a resolución de todos os procedementos administrativos relacionados co San Froilán co fin de axilizar toda a tramitación e, como consecuencia, a propia organización das festas.