A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, trasladoulle ao presidente de ALUME, Manuel Fernández Prado, que o Organismo Provincial colaborará coa Asociación, concedéndolle unha subvención excepcional plurianual de 50.000 euros para acondicionar o local. Entre as obras que a Entidade sen ánimo de lucro levará a cabo figuran as melloras no sistema eléctrico, así como as reformas das paredes e sistemas de ventilación.
Candia avanzou que ao trátase dunha subvención excepcional plurianual, a axuda repartirase en dúas anualidades, polo que este ano ingresaranse 8.000 euros e no vindeiro ano os 42.000 euros restantes. A presidenta manifestou que a Deputación de Lugo responde así ás peticións de ALUME que logo do progresivo aumento de usuarios viuse na necesidade de cambiar de local asistencial por cuestións de capacidade e operatividade. Neste senso, lembrou as 50 prazas concertadas co SERGAS que ten a Asociación na cidade e as máis de 70 persoas ás que atende regularmente.
Asemade Candia lembrou os máis de dez programas de atención que poñerá en marcha esta entidade, que non so se limitan aos usuarios que acoden ao centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, senón tamén ás persoas que sofren estas doenzas e que están ingresadas en centros penitenciarios ou se atopan sen teito na rúa.
O anuncio desta subvención faise logo da xuntanza mantida entre a presidenta da Deputación, Elena Candia, a vicepresidenta segunda e deputada delegada de Benestar, Igualdade e Xuventude, Mari Teijeiro, e o presidente de ALUME, Manuel Fernández Prado.